Convocan paros en GRI Towers Galicia tras o bloqueo da empresa á negociación de xornada e salarios
O comité de empresa de GRI-Towers Galicia, multinacional adicada á fabricación de torres eólicas con sede no polígono da Uceira, no Carballiño, vén de rexistrar a convocatoria de paros a partir do 19 de outubro ante a actitude de bloqueo da patronal fronte ás reivindicacións en materia salarial e de xornada. Así, e se a empresa non achega posturas, deterán a produción nas quendas de mañá, tarde e noite, prolongándoa de xeito indefinido até acadaren as súas demandas.
Desde a federación de Industria da CIG en Ourense sinalan que a medida chega tras numerosas tentativas de mellorar as condicións laborais nunha actividade que decorre en condicións de alta toxicidade (sen dereito a plus) e con importante temporalidade e precariedade.
Así mesmo, indican que a empresa foi denunciada en varias ocasións ante Inspección de Traballo por abuso no exceso de xornada ou por non respectar o descanso en sábados que recolle o convenio do siderometal de Ourense.
Co obxectivo de mudar esta situación, e frente a actitude inmobilista da dirección, o comité aboga por un 3% de incremento xeral nos salarios e en acadar os 18 euros para as horas extraordinarias.
Con este obxectivo, iniciarán paros desde o vindeiro 19 de outubro nas quendas de mañá, de 11:30 a 12:30, de tarde, de 20:30 a 21:30, e de noite, de 04:30 a 05:30 horas, nunha convocatoria con carácter indefinido até que a empresa mude a súa actitude.