Convocan novos paros e unha folga para reclamar uns convenios xustos nos centros de chamadas
Segundo explican dende a CIG-Centros de Chamadas, os paros serán de dúas horas en cada quenda os días 22 e 29 de setembro, mentres que a xornada de folga está fixada para o xoves 6 de outubro. Trátase da primeira ocasión na que as protestas pola situación de bloqueo na negociación do convenio estatal non están convocados só a nivel galego.
“Na Galiza os traballadores/as, xunto coa CIG, levan con mobilizacións dende o mes de decembro de 2015, pero malia que a negociación do convenio estatal permanece aberta dende hai 22 meses será a primeira vez que os sindicatos españois convoquen tamén paros e folga fronte á prepotencia patronal”, sosteñen.
Para a central, esta convocatoria vén a darlle a razón. “Até o de agora tivemos que mobilizarnos en solitario fronte ao bloqueo patronal nun convenio de ámbito estatal; xa era tempo de que o sindicalismo español reaccionase”, indican.
Neste senso, lembran que tiñan aprobado unha convocatoria propia para esas datas, “pero fomos convocados/as a unha reunión no servizo de arbitraxe estatal (SIMA), decidindo adherirnos á folga despois de que a patronal realizase unha nova proposta sen mudar a súa posición. “Con todo na CIG mantemos a nosa intención de realizar unha convocatoria propia a nivel galego, nomeadamente ante unha posíbel desconvocatoria por parte dos sindicatos estatais”.
Deste xeito, os paros dos días 22 e 29 de setembro serán das 00.00 ás 02.00 horas na quenda de noite; das 10.30 ás 12.30 na de maña; e das 16.30 ás 18.30 na quenda de tarde. Para o 6 de outubro está convocada unha xornada de folga de 24 horas de duración.
Finalmente, dende a CIG-Centros de Chamadas fan un chamamento aos traballadores/as para que participen de xeito masivo, como até o de agora, nos paros e na folga.