Convocan novas protestas na limpeza da provincia de Pontevedra para reclamar melloras laborais
As traballadoras/es do sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra sairán á rúa de novo este mércores día 15 para reclamar unha mellora das condicións laborais no marco da negociación do convenio. Coas mobilizacións que se desenvolverán diante da sede da empresa Clece en Vigo ás 12:00 horas e do hospital do Salnés ás 11:00 horas tamén queren trasladarlle a súa solidariedade ás compañeiras/os de Lugo en folga indefinida pola negativa da patronal a incrementar uns salarios que se atopan por debaixo do SMI.
A CIG, CCOO e UGT volven convocar protestas ante a parálise das negociacións e tras 10 xuntanzas coas patronais estatal Aspel e a provincial Aelpo, que ofrecen unicamente unha suba de soldos do 2,66% sen carácter retroactivo.
Unha vez rematada sen acordo a última reunión da mesa negociadora, que tivo lugar o pasado 6 de novembro, a parte social decidiu convocar asembleas informativas en Vigo e Pontevedra, nas que se apostou por continuar coas mobilizacións anpara sacar adiante un convenio que afecta a máis de 9000 traballadoras/es na provincia.
Dende a CIG-Servizos lembran que o convenio de limpeza de Pontevedra é dos mellores de Galiza e do conxunto do Estado español, tendo en conta que contempla unha xornada de 38,30 horas semanais e catro pagas extraordinarias, entre outras melloras. Por iso o persoal do sector non está disposto a seguir perdendo poder adquisitivo, “sobre todo cando está a padecer as consecuencias da crise, sen poder chegar a fin de mes e tendo que pagar máis cara a cesta da compra, as hipotecas, os alugueres e o resto de necesidades básicas”.
Solidariedade coa folga de Lugo
En consecuencia, decidiu convocar as concentracións “non só para defender o convenio, senón tamén para amosarlle o seu apoio ás compañeiras/as de Lugo que se atopan en folga indefinida dende o pasado 16 de outubro por culpa da mesma patronal, que non quere incrementar uns salarios que están por debaixo do SMI”.
As protestas terán lugar diante das oficinas de Clece en Vigo (Praza de América, número 1) ás 12:00 horas e ás portas do hospital do Salnés ás 11:00 horas.