Convocan novas protestas coincidindo con outros dous días de folga por un convenio digno nas conservas
As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT desenvolverán novas protestas en Vilagarcía, Vigo e Boiro coincidindo coas outras dúas xornadas de folga convocadas no sector das conservas de peixe este xoves 3 e o venres 4 para reclamar un convenio colectivo digno.
A manifestación de Vigo terá lugar dende a Xunta até a sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) ás 10:00 horas, mentres que as mobilizacións de Vilagarcía (na Praza de Galiza) e Boiro (diante do Concello) comezarán ás 12:00 horas. As protestas repetiranse nas mesmas localizacións e horarios tanto o xoves como o venres, aínda que a protesta do venres en Vigo consistirá nunha concentración diante da CEP ás 10:00 horas.
Dende a FGAMT-CIG fan un chamamento ao persoal do sector tanto a secundar a folga como a participar nas concentracións na defensa dos seus dereitos laborais, de igual xeito que fixo na o pasado 21 de xaneiro ao secundar masivamente os paros convocados e acudir ás mobilizacións.
En consecuencia, na central sindical instan a patronal a “tomar nota” do éxito rexistrado pola folga a pesar dos intentos do empresariado por facela fracasar, mesmo distribuíndo comunicados polas compañías e facendo contracampaña contra os sindicatos, “algo totalmente inédito no sector”. Por iso consideran que “teñen que escoitar” as demandas do persoal sector, “que o pasado día 21 amosou o seu enfado por como se está a levar a negociación do convenio”.
De feito, foi a patronal a que decidiu suspender de xeito unilateral a seguinte xuntanza da mesa de negociación, prevista para o pasado día 27. “Poñen como escusa a folga, pero o certo é que levamos un ano de contactos e a parte social sempre se amosou disposta a negociar”. Por iso cualifican de erro que o empresariado rache unilateralmente a mesa de negociación “porque entendemos que o fai como represalia pola convocatoria, que é un dereito fundamental da clase traballadora”.
Perda de poder adquisitivo
A CIG entende que non se pode firmar un convenio por debaixo do IPC real, tal e como pretende o empresariado. “Se o IPC de 2021 a nivel estatal foi do 6,5% e a patronal está a ofrecer para ese ano unha suba do 2,25% a perda de poder adquisitivo está moi clara”. Para 2022 ofrece un 3%, para 2023 un 2,20% “e para 2024 propón unha fórmula que impide que saibamos canto vai ser a suba real”.
Por iso nas asembleas celebradas nas empresas para abordar a convocatoria de folga “percibimos un descontento importante entre os cadros de persoal porque a patronal está a escusarse na suba do prezo da electricidade para ofrecer un incremento salarial de miseria”. Diante disto, lamentan que a patronal pague deste xeito o esforzo e o compromiso do persoal dun sector que foi esencial durante a pandemia e que lle permitiu ao empresariado elevar os seus beneficios durante este período.