Convocan mobilizacións para reclamar unhas condicións laborais dignas na empresa aeronáutica ourensá Coasa
O cadro de persoal de Coasa, empresa aeronáutica con sede en Ourense, decidiu en asemblea iniciar un calendario de mobilizacións para reclamar unhas condicións laborais dignas, que incluirían tamén unha mellora salarial. A primeira das protestas terá lugar este xoves 19 na porta do Parque Tecnolóxico de Galiza ás 13:00 horas.
O comité de empresa (6 delegados/as da CIG, 4 de CCOO e 3 de UGT) e a dirección de Coasa están a negociar dende a pasado mes de setembro unha plataforma que mellora lixeiramente as condicións laborais contempladas do convenio xeral da Industria Química. “Mais a empresa amosou dende o primeiro momento unha total falta de respecto cara ao comité, xa que lle enviamos a nosa proposta a finais de setembro e até o mes de decembro non nos convocaron a unha reunión”, explican dende a representación da CIG no comité.
A empresa amosou dende o primeiro momento unha total falta de respecto cara ao comité
Nesta xuntanza a dirección da empresa trasladoulle aos representantes sindicais que non está disposta a negociar nin salario nin redución de xornada laboral, “xa que din que para iso está o convenio de Químicas”. Unicamente tería en conta algunha mellora en permisos e licenzas, e poucas cousas máis.
“Tiveron incluso a pouca vergoña de dicirnos que están dispostos a estudar medidas de conciliación, cando a nosa delegada sindical tivo que chegar ao xulgado para conseguir unha quenda fixa; o propio xerente propoñía como solución para a traballadora que contratase a alguén para coidar as fillas, “xa que todos temos problemas”.
Ante a petición da CIG para elaborar un calendario de reunións para negociar a plataforma, “a dirección díxonos que valoran moito o noso tempo e non queren que perdamos o tempo, polo que ou presentamos unha nova plataforma modificando a existente ou escusamos reunirnos”.
Decisión da asemblea
A raíz desta actitude, o comité convocou unha asemblea o pasado sábado 14 de decembro na que se decidiu facer un calendario de mobilizacións conxuntas entre as tres centrais sindicais baixo o lema 'Por unhas condicións de traballo dignas en Coasa' coas que reivindicar melloras salariais para os traballadores/as de Coasa, “empresa con beneficios substanciais nos últimos anos”.
Nesta mobilización participarán, ademais de traballadores/as da empresa, delegados/as de diferentes empresas da federación de Industria da CIG de Ourense.