Convocan protestas na empresa Vertifil de Moraña polo despido de seis traballadores/as
A asemblea de traballadores/as da empresa Vertifil de Moraña acordou, a proposta do comité convocar unha mobilización para este luns 26 de 13:30 a 14:30 horas para rexeitar os novos despedimentos que se veñen de producir. Nesta ocasión a dirección optou por rescindirlle o contrato a seis traballadores/as, decisión que será respondida cunha concentración diante das instalacións situadas no polígono de Mirallos.
Dende a representación sindical, integrada pola CIG e pola CUT, denuncian que a compañía, pertencente ao Grupo Vertisol, volve unha vez máis a despedir traballadores/as “sen dar opción a outras alternativas, polo que cremos que o obxectivo desta decisión é desfacerse de certas persoas para reducir o cadro de persoal”.
A medida foi adoptada pola empresa o pasado 12 de xuño sen previa negociación nin comunicación ao comité. “Só por gardar as formas ese mesmo día, coa presenza dun despacho de avogados/as de Barcelona, infórmasenos da intención de levar a cabo os despidos de inmediato”, censuran dende a representación sindical.
En consecuencia, o comité acordou por unanimidade solicitar unha xuntanza coa empresa para coñecer os detalles da decisión “e para intentar revertela”. Mais a dirección estivo “dando largas” aludindo a “problemas de axenda”, polo que a reunión non se celebrou até este martes día 20.
“Sosteñen que os despidos obedecen a causas económicas e produtivas, e que non cabe ningún tipo de negociación ou acordo co comité, senón que se trata dunha decisión irreversíbel, até o punto de que se negaron a explorar calquera tipo de solución a corto ou medio prazo”.
Polo que o comité de empresa decidiu trasladarlle á asemblea de traballadores/as o inicio dun calendario de mobilizacións que finalmente saíu adiante e que comezará este mesmo luns día 26.