Convocan mobilizacións en Citroën ante a sobrecarga de traballo na liña de montaxe
Os sindicatos CIG, CCOO e UGT veñen de convocar unha serie de mobilizacións para denunciar a situación que padecen os traballadores/as como consecuencia da sobrecarga de traballo en montaxe, sobre todo na liña 2. Os representantes sindicais iniciaron onte un peche indefinido nas oficinas da empresa en Vigo, mentres que a partir de hoxe desenvolverán concentracións nas instalacións da fábrica á entrada e saída de cada unha das tres quendas.
Dende as centrais lembran que o exceso de traballo e a falta de persoal é unha problemática sobre a que levan advertindo dende que se levou a cabo a planificación dos postos na liña 2 de montaxe, “pero como a dirección non reaccionou dende comezos de ano os tres sindicatos estamos a traballar de xeito conxunto para reconducir unha situación que os traballadores/as xa non son quen de soportar”.
Entre as medidas adoptadas pola CIG, CCOO e UGT neste tempo inclúense visitas ao taller co responsábel de fabricación para que comprobara o deterioro no que moitos traballadores/as teñen que afrontar os seus postos; denuncias na comisión paritaria de tempos e rendementos; e elaboración dun estudo detallado posto por posto e doutro no que cada responsábel de unidade participou achegando as súas necesidades.
Tamén enviaron escritos reclamando compromisos e solucións por parte da dirección de montaxe, do departamento de recursos humanos e do director da planta; denunciaron diante do departamento de prevención a situación do persoal con limitacións, para o que solicitaron medidas urxentes; e comunicáronlle á Inspección de Traballo o que estáa a padecer o persoal de montaxe “para que tome cartas no asunto antes de que estes/as empregados/as sufran problemas de saúde”.
Calendario de mobilizacións
No que ten que ver cos problemas detectados, salientan as deficiencias na configuración dos postos de traballo, que fan que non sexan realizábeis “sen andar a correr”, e nos útiles cos que teñen que desenvolver o seu traballo; tamén o feito de que as cargas de traballo estean por riba do tempo do pase de cada coche; a externalización continua de operacións; alteracións da velocidade; a falta dun mapa dos postos que requiren de esixencia física importante en membros do corpo; así como a ausencia dun tope máximo de cargas para postos ocupados por persoal con limitacións.
Diante disto os tres sindicatos decidiron iniciar un peche indefinido nas oficinas, a carón do despacho no director da planta, e elaboraron un calendario de mobilizacións que comeza hoxe e que incluirá concentracións diarias ao inicio e ao remate de cada unha das tres quendas: 14:00 e 14:15 horas (mañá), 13:30 e 13:45 horas (tarde) e 21:30 e 21:45 horas (noite).