Convocan mobilizacións contra o despido de sete traballadores/as de Ilunion en Ourense que se atopaban de baixa
O cadro de persoal de Ilunion Servicios Industriales en Ourense, centro especial de emprego do grupo ONCE, desenvolverá unha mobilización este martes 30 para rexeitar o despedimento de sete compañeiros/as que facían parte da operativa da compañía do sector da automoción Faurecia e que se atopaban de baixa médica no momento da rescisión do contrato.
Varios/as dos afectados/as compareceron hoxe en rolda de prensa xunto ao secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, para denunciar a decisión de Ilunion e anunciar que a protesta terá lugar diante da delegación ourensá da ONCE de 10:00 a 11:00 horas.
Gómez explicou que nun primeiro momento o centro especial de emprego, cuxo persoal presta servizo no sector do automóbil, comunicoulle por carta a 12 persoas a posibilidade de trasladarse a Vigo, unha vez rematado o proxecto de Faurecia. “Pero logo na xuntanza que mantivemos este venres anunciou que procedería a despedir a sete traballadores/as, sen darlles a posibilidade sequera de traslado, como si fixo con outros/as catro”. Diante disto, os afectados/as intentarán que o xulgado deixe sen efecto tanto as rescisións de contrato como os traslados anunciados.
Para o responsábel sindical a actitude da empresa fai sospeitar que detrás desta decisión se agoche a intención de pechar a delegación de Ilunion en Ourense, que na actualidade conta con 47 traballadores/as e que ten un ERTE en vigor até final de ano. “Como a empresa funciona como unha ETT, cedendo persoal con discapacidade ás compañías da automoción, non precisa máis instalacións que unha oficina, e ese labor pódese facer perfectamente dende Vigo”, sinala.