Convocan manifestación en Ordes, o día 21, en defensa dos postos de traballo no transporte de residuos urbanos de SOGAMA
Segundo explicaron, desde a mañá deste luns están concentrados por quendas diante da planta de SOGAMA e manterán esta medida até seren recibidos polo Presidente, Javier Domínguez Lino, que o pasado venres pasado convocou aos representantes dos traballadores para despois non comparecer. Unha actitude que Inácio Pavón, representante da FGAMT-CIG, definiu como "impresentable por parte do representante dun ente público".
Pavón sinalou que os traballadores o que demandan é un compromiso de SOGAMA para a continuidade dos postos de traballo nas contratas sucesivas e para que se cre neste momento unha bolsa de emprego para aqueles traballadoras e traballadores que non sexan recolocados.
Explicou ademais que nas reunión mantidas até o momento con COPASA, a nova empresa concesionaria, esta ofreceu a continuidade de parte do cadro de persoal mais renunciando as condicións actuais "o que supón na práctica aproveitar un concurso público para reducir e precarizar os empregos actuais".
Ante isto anunciaron que se manterán as medidas de presión previstas “até acadar un acordo que garanta a continuidade de todos os postos de traballo e o mantemento das condicións actuais”. Responsabilizan a SOGAMA de crear esta situación e sitúan, polo tanto, a responsabilidade de solucionalo na propia SOGAMA, a Xunta e o PP.
Pavón explicou que “somos conscientes de que sería imposíbel comezar o servizo o 1 de marzo sen contar con, cando menos, parte do cadro de persoal actual dadas as características especiais do transporte do lixo, pero a asemblea de traballadores acordou que ninguén iría para a nova empresa se non é cun acordo que implicara a contratación de todo o persoal nunhas condicións dignas”.
Os convocantes solicitan o apoio aos concellos da mancomunidade de Ordes e Cerceda e aos da comarca de Santiago, así como aos partidos políticos e á cidadanía en xeral para que apoie a continuidade dos postos de traballo dos que son os seus veciños e veciñas.