Convocan folga polos convenios do metal de Pontevedra e da limpeza da Coruña

Os paros de 24 horas desenvolveranse ao longo de varias xornadas nos meses de abril e maio
Pontevedra/A Coruña - 06 Abr 2021

Os sindicatos maioritarios no metal da provincia de Pontevedra e na limpeza da Coruña convocan folga ante o bloqueo das negociacións para renovar os convenios colectivos. A primeira das xornadas terá lugar o 22 de abril e afectará aos dous sectores, mentres que na limpeza tamén haberá un paro de 48 horas o 11 e o 12 de maio.

A CIG, CCOO e UGT apostan por esta medida de presión para denunciar a actitude da patronal e para forzala a retomar as conversas, que no caso do metal se suspenderon tras 11 xuntanzas a pesar do esforzo das tres centrais para consensuar unha plataforma conxunta que xira arredor de varias reivindicacións principais: subrogación do persoal por parte das empresas privadas, incremento salarial que garanta un soldo digno e adaptación do convenio á lexislación laboral sobre rexistro de xornada e control horario. 

A medida de presión adoptouse ante a actitude intransixente das patronais

Pero as patronais Asime, ATRA e Instalectra seguen adiante coa súa intención de introducir as ETT no sector e de pagar o plus de eventualidade ao final do contrato, o que na práctica supón que os traballadores/as en situación máis precaria non o cobren porque as empresas obríganos/as a renunciar a el se queren volver a ser contratados/as.

Dereitos consolidados

No caso da limpeza da Coruña, o empresariado négase a asumir calquera mellora laboral e pretende recortar dereitos xa consolidados no convenio e conxelar os soldos a pesar de que o persoal leva moitos anos sen un incremento salarial relevante. Por iso os sindicatos denuncian os intentos da patronal para manter a precariedade dun colectivo esencial na pandemia, altamente feminizado e que na meirande parte dos casos ten contratos a tempo parcial.

Sobre todo tendo en conta que o sector se está a beneficiar da emerxencia sanitaria debido ao reforzo das horas de limpeza e das desinfeccións, até o punto de que incrementou a facturación e tivo maior carga traballo, pero o empresariado pretende escudarse na crise sanitaria para non só non aceptar ningunha mellora, senón incluso para recortar dereitos.

As convocatorias de folga chegan nos dous casos despois de que os traballadores/as desenvolvesen distintas mobilizacións, que na limpeza estiveron acompañadas de xuntanzas cos grupos parlamentares, denuncias na Inspección de Traballo e un conflito colectivo.