Convocan folga en Coasa pola negativa da dirección a negociar melloras na xornada e nos salarios
O comité de empresa de Coasa, compañía aeronáutica con sede en Ourense, decidiu convocar seis xornadas de folga a partir do vindeiro martes día 10 ante a negativa da dirección a negociar unha redución da xornada e melloras salariais por enriba do convenio.
O presidente do comité, Rubén Ramos, da CIG, explica que a decisión foi adoptada en asemblea pola maioría do cadro de persoal ante o “estancamento” das negociacións da plataforma anexa ao convenio de Químicas que actualmente rexe algúns aspectos salariais e de permisos dos traballadores/as.
“A dirección negouse a negociar salario e redución de xornada laboral por riba do convenio e vincula calquera mellora deste tipo a pluses de absentismo e custes de non calidade; alegan que non van a subir salarios por riba do convenio porque si, asegurando que só o farán vinculado a unha redución do absentismo global da planta ou ao descenso dos custes de non calidade”, indica Ramos.
Ampla maioría
Isto levou ao comité a convocar unha asemblea de traballadores/as o pasado 29 de febreiro á que asistiron máis dun cento de persoas e na que se votou a liña de negociación da empresa, que non obtivo ningún voto a favor, “mentres que a convocatoria de folga foi secundada por unha ampla maioría dos e das presentes”.
En consecuencia, a representación sindical procedeu a convocar folga para os martes e xoves do mes de marzo a partir deste martes 10 e exceetuando o xoves 19 (festivo), “sen descartar que de non producirse algún cambio de postura por parte da dirección a convocatoria dun paro indefinido a partir de abril”.