Convocan folga na empresa Frigolouro do Porriño para reclamar melloras nas condicións laborais do persoal autónomo dependente
A CIG convoca folga indefinida na empresa Frigolouro do Porriño a partir deste xoves día 17 para reclamar “unhas mínimas condicións laborais” para o persoal autónomo dependente que pertence a Servicarne. A decisión foi adoptada tras constatar a falta de diálogo e compromiso da dirección da compañía de alimentación con respecto á mellora das condicións de traballo.
Segundo explican dende a federación de Alimentación da CIG de Vigo, o motivo principal da mobilización é reivindicar unhas condicións laborais dignas para o colectivo de traballadores/as autónomos/as dependentes pertencentes a Servicarne, empresa cun cadro de persoal de 224 persoas.
A decisión foi adoptada en asemblea polo persoal autónomo cooperativista de Servircarne tras constatar a falta de diálogo e compromiso da empresa para mellorar as actuais condicións de traballo.
Os empregados/as reclaman unha xuntanza urxente da dirección da empresa cos representantes sindicais da CIG e anuncian que de non producirse paralizarán a actividade de forma indefinida a partir das 04.45 horas deste xoves.
Entre as súas demandas salientan:
-Establecer un horario de traballo de oito horas.
-Salario mínimo fixo, tomando como referencia o convenio de industrias cárnicas.
-Ritmos de traballo semellantes aos que rexían para o persoal de Frigolouro.
-Calendario de vacacións pagadas e disfrutadas.
-Cobrar a media hora de descanso.
-Fixar prezo da hora extra a partir das oito horas de traballo, incluídos sábados, domingos e festivos.
-Fixar a prestación en caso de baixa por enfermidade ou accidente de traballo.
-Licencias retribuídas que figuran no convenio de cárnicas.
-Rotar nos postos para combater a fatiga do traballo e evitar así accidentes e enfermidades laborais.
-Colocación do reloxo de velocidade nun sitio visíbel da sala para comprobar o ritmo de traballo.
-Eliminación das multas económicas por sanción.