Convocada folga indefinida no mantemento de parques e xardíns de Vigo e na recollida do lixo de Nigrán
Os cadros de persoal dos servizos de mantemento de parques e xardíns do Concello de Vigo e da recollida do lixo e limpeza viaria e de praias do Concello de Nigrán decidiron en asemblea convocar folga indefinida a partir do vindeiro xoves 26 ante o bloqueo nas negociacións dos convenios colectivos.
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto á representación sindical de Althenia, concesionaria do mantemento dos parques e xardíns vigueses, e Cespa, concesionaria da recollida do lixo e limpeza viaria e de praias de Nigrán, para anunciar a medida adoptada polos/as traballadores/as ante a actitude inmobilista das empresas á hora de pactar os novos acordos laborais.
No caso de Althenia explicou que as desavinzas entre a dirección e o comité derivan da “chantaxe” que a compañía está a exercer sobre o cadro de persoal para lograr que os 10 traballadores/as subrogados/as do servizo de mantemento dos parques forestais acepten pasar da quenda de mañá para a de tarde durante dous meses a cambio de pagarlles os atrasos que lles adebedan. “Non imos consentir que aproveiten a situación para aplicarlles unha modificación substancial das condicións de traballo”, asegurou.
Ademais, criticou que a empresa supedite a sinatura do convenio a que estes/as empregados/as acepten estas novas condicións. “Atopámonos diante dunha chantaxe pura e dura, xa que se non aceptan non cobran os atrasos e non se firma o convenio, e se este non se firma o conxunto dos traballadores/as non verá actualizado o seu salario”.
CCOO e UGT quedan á marxe
Diante disto o cadro de persoal decidiu convocar folga indefinida, que conta co apoio da maioría do comité de empresa (con sete dos nove delegados/as da CIG), xa que CCOO e UGT non subscriben a convocatoria. Ao mesmo tempo, a representación dos traballadores/as solicitou a mediación do AGA e contactará co Concello para intentar desbloquear a situación. “Nós temos claro que se á empresa non lle interesa o contrato o que ten que facer é renunciar, pero o Goberno local tamén pode rescindilo unha vez que a empresa executou o 20% do servizo”.
Ao mesmo tempo, Fernández quixo deixar moi claro que a partir de agora o conxunto dos empregados/as reclamará os atrasos de 2016 e 2017, xa que o anterior principio de acordo coa empresa de aplicar a suba salarial a partir de 2018 queda sen efecto. “Volvemos á plataforma inicial do ano 2016, visto que a empresa non ten boa fe á hora de negociar”, aclara. Os traballadores/as acordaran esta medida tendo en conta a problemática derivada do conflitivo proceso de renovación da concesión polo xeito de proceder do Concello, cun prego de condicións irregular, con interrupción da concesión, denuncias, folgas e sucesión de até tres empresas.
Equiparar as condicións
No que ten que ver co servizo de recollida do lixo e limpeza viaria e de praias de Nigrán, a secretaria nacional da CIG-Servizos, que estivo acompañada do delegado de persoal da CIG, indicou que se trata de retomar a folga que fora convocada con anterioridade e que permanecía suspendida despois de que Cespa renunciase a modificar as condicións de traballo.
Agora, as diferencias entre dirección e representantes sindicais prodúcese porque a empresa négase aumentar conceptos como a de antigüidade e a avanzar na equiparación das condicións laborais do persoal coas dos traballadores/as que prestan servizo noutros concellos da zona. Puxo como exemplo que un peón en Vigo cobra 1200 euros ao mes, fronte aos 907 de Nigrán, polo que reclaman unha suba salarial até os 100 euros. No caso dos condutores/as sinalou que o incremento que demandan suporía pasar dos 950 euros actuais a 1050.
Neste senso, denunciou que a importante diferenza salarial non se reflicte no que os cidadáns pagan polo servizo, xa que no caso de Vigo abonan 86 euros e en Nigrán só 10 euros menos, “cando Vigo ten 568 traballadores/as e Nigrán unicamente 20”.
Tamén censurou o sistema de contratación no servizo nigranés, xa que a empresa ten un persoal contratado de xoves a domingo e outro de domingo a martes “porque deste xeito evita que os traballadores/as gocen de días libres e poidan cobrar os festivos”.
Finalmente, explicou que outras das reivindicacións pasa porque o persoal de verán que substitúe as vacacións traballe 90 días seguidos e que tres persoas que levan como fixas descontinuas dende hai tres anos a traballando unicamente nove meses ao ano “pasen a traballar todo o ano”.