Convocan folga indefinida no 061 de Vigo, Cangas e Moaña durante o verán
A representación sindical de CIG, CCOO e USO no servizo de transporte sanitario urxente do 061 en Vigo, Cangas e Moaña celebrou onte á noite unha asemblea na que se aprobou por unanimidade a convocatoria de folga indefinida e un calendario de mobilizacións. A decisión adoptouse despois de que a Consellería de Sanidade comunicase que Ambulancias do Atlántico non pode facer fronte ao pago do “finiquito” dos 103 traballadores/as e tampouco ao abono das débedas por nóminas mal calculadas durante este ano.
Segundo explican dende a representación do persoal, a medida vaille ser comunicada oficialmente á actual empresa concesionaria, Emersan-Saluser, na xuntanza prevista para este mércores. O feito de que a folga coincida coa campaña de verán, na que o servizo do 061 se atopa xa de por si desbordado polo aumento de poboación visitante en Galiza e pola falta de reforzo nas ambulancias, podería provocar un completo colapso do servizo, “e así llo fixeron sabemos á dirección do 061”.
Ao mesmo tempo, sinal que a día de hoxe a situación que se pode dar por mor do cambio de empresa é que cando alguén se vaia de vacacións se lle desconte medio mes de salario e aínda se lle deba o finiquito da empresa anterior, os atrasos e a paga de regularización. “Se nos debe diñeiro e se nos desconta aínda máis por un dereito fundamental”, denuncian.
Tanto a CIG como CCOO e USO lamentan que neste conflito estea a cobrar “todo o mundo” agás quen debe cobrar. “Ambulancias do Atlántico non paga, Saluser-Emersan cobra un importante incremento da licitación por anticipado e Tragsa obtén un contrato de seis meses”.
Concurso de emerxencia
Lembran que grazas á loita levada a cabo polo persoal do 061, despois de duras mobilizacións e unha folga de por medio, a Consellería viuse obrigada o pasado mes de maio, a lanzar un concurso de emerxencia para retirarlle o servizo á anterior concesionaria, Ambulancias do Atlántico, e outorgarllo a unha nova empresa, Emersan-Saluser. Este cambio de concesionaria propiciou unha certa estabilidade na prestación do servizo de urxencias sanitarias despois da “desastrosa” xestión do empresario Carlos Simón. Malia isto, o persoal sanitario enfrontase agora a un novo problema “pola incapacidade de Simón, que se atopa practicamente en bancarrota, de asumir as liquidacións e as débedas por nóminas mal calculadas”.
Se isto non fose suficiente, Emersan-Saluser négase a abonar a denominada “paga de regularización de convenio colectivo”, pese a que a compañía recibirá a cantidade íntegra do Sergas este mesmo mes de xuño. Esta paga que se lle debe ao persoal traballador corresponde á subida de convenio colectivo do período íntegro de 2023 e os tres primeiros meses de 2024, que aínda non foi actualizado, e supón para unha importante cantidade, xa que a ascende a 1725 Euros.
Resposta da Consellería
As centrais sindicais censuran que agora os responsábeis do 061 e da Consellería rachen o compromiso acadado coa representación do persoal “e matizan agora que a Xunta non interveu nin intervirá a empresa Ambulancias do Atlántico, que como moito intervirá o servizo, aínda que a día de hoxe non se produciu, segundo confirman”.
Así mesmo, os responsábeis autonómicos advirten que nin a Consellería nin o 061 exercen unha función de vixilancia para o cumprimento da lexislación vixente por parte das empresas concesionarias e que ese labor correspóndelle ás organizacións sindicais. Ademais, insistiron en que non actuarán contra as empresas até que non se demostre un incumprimento reiterado da lexislación laboral que poida ser demostrado mediante sentenzas firmes.
En relación ás demandas efectuadas pola representación sindical de CIG, CCOO e USO para que se calcule e se lle pague ao persoal as liquidacións, a paga de regularización e os atrasos, contestan que estudiarán a posibilidade de realizar un “reequilibrio económico” aumentándolle a partida orzamentaria á actual empresa concesionaria para que abone as débedas da anterior.
Ademais, a empresa pública Tragsa comezará hoxe o seu traballo, que finalmente non consistirá en intervención algunha da empresa Ambulancias do Atlántico, e se limitará a un punto de atención ao persoal que teña dúbidas coas cantidades que se lle deben. Este punto de atención estará situado en dependencias do hospital Nicolás Peña de Vigo en horario de mañá e a previsión e que se manteña durante seis meses.