Convocan dúas xornadas de folga na limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra
As arredor de 12.000 persoas traballadoras do sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra están chamadas a secundar dúas xornadas de folga os vindeiros luns 11 e martes 12 de novembro para reclamar un convenio colectivo que dignifique as súas condicións laborais. Así o anunciaron hoxe a CIG e a UGT, que adiantaron que tamén levarán a cabo protestas en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
Responsábeis da CIG-Servizos e da UGT compareceron hoxe en rolda de prensa en Pontevedra e Vigo, mentres que en Vilagarcía fíxoo só a CIG, para explicar os motivos da convocatoria e presentar os detalles das mobilizacións que se desenvolverán coincidindo coas dúas xornadas de folga.
En concreto, sinalaron que o convenio está caducado dende decembro de 2022, polo que a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras atinxe xa o 12%. Mais a patronal insiste nunha proposta de suba de salarios “insuficiente” e négase a reducir a xornada laboral. Os cadros de persoal, pola súa banda, reclaman un aumento de soldos do 3,1% para 2023 e dun 4% para 2024 e 2025, con cláusula de revisión para non perder poder adquisitivo. Mentres que o empresariado ofrece un 3,1%, 3% e 3%, pero sen revisión salarial a IPC.
Tamén reclaman un día máis de vacacións e outro de asuntos propios, e a modificación do artigo 5 para que cando nun centro de traballo se produza unha ampliación de xornada por parte do cliente ou por outros motivos “que esa xornada se reparta entre o persoal que non ten xornada completa; xa que agora se fai coas xubilacións, pero non coas ampliacións de xornada”.
As negociacións romperon o pasado mes de abril tras 16 xuntanzas, e o 17 de xuño tivo lugar unha mediación no AGA que rematou sen acordo. A finais de setembro reuniuse a comisión paritaria para abordar a interpretación do artigo do convenio anterior que establece a actualización salarial conforme ao IPC, algo que non se fixo en 2023. En consecuencia, a parte social decidiu presentar un conflito colectivo para que se aplique esta suba. “Independentemente da resolución xudicial, que pode tardar meses, nós queremos seguir negociando o convenio”, sinalaron dende as centrais.
Mais semella que a patronal non está pola labor, até o punto de que non se moveu das súas posicións “nin un milímetro” a pesar de que a parte social mesmo rebaixou as súas pretensións económicas durante a mediación. Por iso decidiron levar a cabo asembleas de persoas traballadoras, que optaron maioritariamente pola folga e as mobilizacións para darlle continuidade ao paro de 24 horas convocado en xaneiro e ás manifestacións e concentracións desenvolvidas en maio e xuño.
Agora as datas escollidas para a folga son este luns 11 e o martes 12 de novembro, xornadas nas que tamén haberá mobilizacións. En Vigo terán lugar manifestacións dende Vía Norte ás 12:00 horas o luns e ás 19:00 horas o martes; en Pontevedra manifestacións os dous días dende a praza da Peregrina ás 19:00 horas: mentres que en Vilagarcía haberá concentracións de 11:00 a 11:30 horas diante do Hospital do Salnés, de 12:00 a 12:30 horas diante do Concello de Vilagarcía e manifestación posterior polas rúas da localidade.
Finalmente, dende as organizacións sindicais fixeron fincapé na necesidade de reivindicar na rúa un convenio colectivo digno nun sector caracterizado por unha elevada precariedade laboral, no que a gran maioría son mulleres con contratos a tempo parcial e que ingresan unha media de 300-400 euros ao mes. “Na pandemia considerábasenos esenciais, pero agora non se quere recoñecer o noso labor, mentres as empresas dispararon os seus beneficios neste período.”