Convocan dous días de folga na consultora Experis en Vigo por incumprimentos laborais

A empresa négase a compensar gastos por teletraballo e a regular certas categorías profesionais, ademais de estar a deslocalizar carga de traballo
Vigo - 28 Out 2025

O comité de empresa de Experis Manpower Group no centro de traballo de Vigo, composto na súa totalidade por delegados e delegadas da CIG, vén de anunciar folga para os días 31 de outubro e 3 de novembro ante a negativa da compañía a cumprir a lei no que se refire á compensación de gastos por teletraballo, ao que se suma a ausencia na regulación de certas categorías profesionais, das condicións laborais dos distintos servizos e do control horario a pesar das reiteradas advertencias da representación do cadro persoal.

Os paros de 24 horas -que se desenvolverán de 00:00 a 23:59 horas en ambos os días- convocáronse tamén en resposta á constante deslocalización de carga de traballo por parte da empresa do sector de consultorías ao seu centro de Valladolid, baleirando de contido o de Vigo. 

Os paros de 24 horas terán lugar os vindeiros días 31 de outubro e 3 de novembro

O comité, a pesar de atoparse en situación de teletraballo practicamente todo o persoal do centro, prevé un seguimento total da folga, ante a ausencia de diálogo por parte da dirección coa representación legal das persoas traballadoras, “máxime ante o grave incumprimento do requirimento legal de aboar os custos do traballo a distancia, tal e como recolle o RDL 28/2020, que establece a obrigatoriedade de satisfacelos por parte do empresario/a e indica claramente que o traballo a distancia <<non poderá supor a asunción por parte da persoa traballadora de gastos relacionados cos equipos, ferramentas e medios vinculados ao desenvolvemento da súa actividade laboral>>”.

Finalmente, o persoal de Experis adianta a posibilidade de levar a cabo novas mobilizacións no caso de que a empresa non asuma estas demandas, “xa que tras diversas reunións non se chegou a acordos que respondan ás reivindicación da representación sindical e do conxunto das persoas traballadoras”.