Convocan cinco xornadas de folga en defensa do emprego no Hotel Balneario da Toxa
O comité de empresa do Hotel Balneario Eurostars Illa da Toxa, con maioría da CIG, vén de anunciar a convocatoria de cinco xornadas de folga os vindeiros días 6, 7, 8, 10 e 12 de decembro para reclamar a retirada do ERE para 36 persoas traballadoras e o mantemento de todos os empregos. Ao mesmo tempo, o cadro de persoal continuou coas protestas o pasados venres día 29 e sábado 30, cunha concentración diante do Concello do Grove e cunha manifestación.
Dende a CIG-Salnés denuncian que a dirección do establecemento hoteleiro pertencente ao grupo HOTUSA pasou en 15 días de estar a negociar o calendario laboral e as vacacións en 2025 a presentar un ERE extintivo para todo o persoal. “Pretenden convertelo nun hotel de tempada e pechar máis de tres meses ao ano, concentrando o período de apertura do 11 de abril ao 31 de decembro”, denuncian.
De feito, o modus operandi do grupo HOTUSA son os despidos e a subcontratación de servizos como “fórmula” para “desfacerse” do persoal que “lexitimamente” reclama os seus dereitos e que non é “marioneta” da dirección. Un xeito de actuar que tamén están a poñer en práctica noutros establecementos xestionados polo grupo, caracterizado por unha política antisindical e baixo a mesma fórmula: “ou aceptas o que se che propón ou vas no grupo das persoas despedidas”. Precisamente no ERE están incluídos todos os representantes do comité: 4 delegados/as da CIG e 1 de UGT.
A empresa deu por pechado recentemente o período de consultas do ERE sen acordo coa parte social, que esixe a súa retirada ao consideralo inxustificado, “tras o que aumentaron a presión e as coaccións ás persoas traballadoras ao non conseguir impoñer as súas condicións”. En consecuencia, o cadro de persoal intensificou as mobilizacións, levando a cabo paros parciais e unha concentración diante do Concello do Grove o venres e unha manifestación o sábado.
Para este sábado día 7, coincidindo coa segunda xornada de folga, teñen convocada unha nova concentración diante do hotel ás 11:00 horas. A súa pretensión é que as mobilizacións continúen nas vindeiras semanas até garantir a continuidade dos postos de traballo.