Convocan cinco días de folga na sanidade privada da provincia de Pontevedra
As centrais CIG, CCOO e UGT veñen de convocar cinco días de folga na sanidade privada pontevedresa afectada polo convenio provincial de hospitalización e internamento para denunciar que tras ano e medio de negociacións a patronal insiste na súa intención de precarizar as condicións laborais. As xornadas de paro terán lugar os vindeiros 7, 14, 21, 26 e 27 de marzo, aínda que previamente se celebrarán asembleas de traballadores/as en Vigo (27 de febreiro) e Pontevedra (28 de febreiro).
Dende os sindicatos promotores da folga cualifican de “inadmisíbel” a actitude do empresariado xa que primeiro se negou a negociar o convenio que rematou en decembro do 2013 e despois “torpedeou” a negociación ofertando unha paga non consolidábel do 0,65% en tres anos (2014, 2015 e 2016) e uns incrementos salariais do 1,25% para 2017, do 1,50% para 2018 e do 1,75% para 2019.
No que respecta á xornada laboral, a patronal “non moveu ficha” e segue a propoñer 1763 horas ao ano, lonxe das 1729 reivindicadas polas centrais. “Non melloran ningún dos demais conceptos: pluses, licencias, etc., e incluso empeoran algunhas cuestións que a lei establece, como é o dereito a acompañar a un fillo/a menor ao pediatra”.
Diante disto, a CIG-Saúde, CCOO e UGT acordaron convocar cinco xornadas de folga e celebrar dúas asembleas de traballadores/as nas que solicitarán a ratificación dos paros e a súa posíbel ampliación ao mes de abril, así como a adopción doutras medidas de presión no caso de que o empresariado do sector non varíe as súas posicións.