Convocados tres días de folga nunha subcontrata de Abanca en Vigo para rexeitar a precarización das condicións laborais
A representación sindical de Prosegur Avos Tech vén de convocar tres xornadas de folga para rexeitar a precarización das condicións laborais por parte de Unísono, nova adxudicataria do servizo de xestión de tarxetas, seguros e sistemas antifraude de Abanca en Vigo. O persoal aproveitará tamén para desenvolver concentracións diante da sede principal da entidade financeira e da propia Unísono en Vigo.
Dende a CIG-Banca explican que a empresa de centros de chamadas fíxose hai 15 días cun servizo que até o de agora xestionaba Prosegur Avos Tech (antiga Prosegur BPO). Agora o comité reclama que se lle recoñeza a categoría de xestor ao persoal ao que se lle aplica o convenio de contacto center, “algo que si fan na Coruña”, e que se lle respecte o convenio de oficinas e despachos ao persoal que traballa na oficina de Prosegur Avos Tech e ao se lle aplica este convenio. “Mais Unísono asegura que non ten intención de recoñecer a categoría de xestor, mentres que no que ten que ver co convenio de oficinas e despachos unicamente o que obrigue a lei”.
Por iso a representación sindical optou por convocar folga este martes 14, o xoves 16 e o luns 20 de novembro, xornadas nas que os traballadores/as desenvolverán con concentracións de 11:00 a 12:00 horas diante da sede de Abanca en Vigo, mentres que o 20 haberá tamén unha concentración ás portas de Unísono de 12:30 a 13:30 horas “para denunciar que Abanca precariza as condicións laborais porque froito destas subrigacións o persoal perde dereitos”.