Convocados dous días de folga nas obras do acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña
O comité da UTE Acceso Porto Exterior A Coruña convocou dous días de folga nas obras de construción dos túneles que darán acceso ferroviario a Punta Langosteira ante a imposibilidade de chegar a un acordo coa empresa en materia de vacacións, retribucións, retencións e condicións de seguridade nos traballos.
O descontento entre o persoal polas condicións de traballo vénse arrastrando dende o inicio das obras a principios de 2023. A intransixencia da empresa levou o persoal a organizarse coa CIG en defensa dos seus dereitos e despois da constitución do comité, o pasado 10 de outubro, conseguiuse forzar o inicio de negociacións. Non obstante, denuncia o secretario comarcal da FCM-CIG, Mario Maceiras, máis alá das boas palabras da empresa, “ás portas do mes de decembro, os traballadores seguen sen coñecer cando gozarán das súas vacacións anuais nin como se lles retribuirán”.
Este foi, precisamente, o principal punto de ruptura das conversas coa empresa e tras non producirse un achegamento na reunión de onte, o persoal acordou por maioría convocar dúas xornadas de folga de 24 horas. A primeira será o martes 3 de decembro dende ás 07:00h até as 07:00 do mércores; e o segundo día de paro será o xoves 5 de decembro, dende ás 07:00h ás 07:00 horas do venres.
O paro afectará ademais da contrata principal, UTE Acceso Porto Exterior A Coruña (conformada por SACYR, CAVOSA e Taboada e Ramos), ás súas principais subcontratas: Actyon Tunnel, Domingo Laredo, Ecotunel e Fevelte.
O persoal non descarta, no caso de non se acadar un acordo antes de fin de ano, seguir desenvolvendo un calendario de mobilizacións até que, finalmente, “as empresas accedan ás reivindicacións xustas do persoal da principal obra pública galega e do norte peninsular na actualidade, con case 140 millóns de euros de investimento público”.