Convocados catro días de folga na recollida do lixo de Poio pola parálise do convenio e a perda de poder adquisitivo

O persoal de Valoriza denuncia que os seus salarios aumentaron un 4,5% en 11 anos, mentres os ingresos da empresa medraron un 42%
Poio - 05 Xun 2026

As persoas traballadoras da empresa Valoriza Servizos Medioambientais, encargadas do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria no Concello de Poio, decidiron en asemblea e por maioría convocar catro xornadas de folga para os vindeiros días 22, 23, 24 e 25 de xuño. A decisión, comunicada a través do delegado de persoal, Rubén Outeda Abilleira, chega tras meses de parálise na negociación colectiva e ante o crecente malestar e incerteza que vive o persoal respecto ao seu futuro laboral.

Os motivos que levaron as persoas traballadoras a adoptar esta medida ten que ver con que se atopan sen convenio regulador desde o pasado 31 de decembro de 2024, malia o que a empresa mantén bloqueadas as negociacións. 

Esiximos que que a empresa actúe con responsabilidade, rompa o seu silencio e presente unha oferta digna que compense a perda de poder adquisitivo acumulada durante máis dunha década

A representación sindical presentou unha proposta de convenio para dous anos cunhas demandas económicas moderadas, solicitando un incremento salarial do 2,8% para o ano 2025 e do 2,9% para o ano 2026. Despois de varios meses agardando por unha resposta, a dirección de Valoriza mantén un silencio absoluto, “demostrando unha total falta de interese por resolver o conflito”.

O persoal amosa a súa total indignación ante a perda salarial acumulada, xa que en 11 anos que leva vixente a contrata, as persoas traballadoras só experimentaron unha suba de soldos do 4,5%: nos últimos anos os salario base dunha peón pasou de 920,55 (en 2015) a 961,97 (en 2024) 41,42 euros en 11 anos, e un condutor/a de 1049 (en 2015) a 1096,21 (en 2024) 47,21 euros en 11 anos. Pola contra, nese mesmo período, o beneficio ou volume da empresa aumentou nun 42%.  

En consecuencia, dende a parte social trasladan o seu malestar ante esta situación, máis aínda cando restan cinco anos para que remate o contrato de concesión co Concello. “Esiximos que que a empresa actúe con responsabilidade, rompa o seu silencio e presente unha oferta digna que compense a perda de poder adquisitivo acumulada durante máis dunha década”, rematan.