Novas protestas no transporte sanitario non urxente de Pontevedra-Salnés para que a concesionaria cumpra os acordos
Os traballadores/as do servizo de transporte non urxente (programado) da área sanitaria de Ponteve-dra-Salnés volverán a mobilizarse para esixirlle á empresa concesionaria, Ambulancias Civera, que cumpra os acordos en materia laboral. A protesta terá lugar esta martes día 10 na entrada do hospital Provincial (rúa Joaquín Costa), carón da porta de consultas, de 10:30 a 11:30 horas.
Dende a FGAMT-CIG de Pontevedra denuncian que a compañía está a incumprir de xeito reiterado os acordos asinados coa representación sindical en materia laboral e de prevención de riscos. En concreto, sinalan que segue sen entregarlles a correspondente roupa de traballo e continúa sen lavar os uniformes (como establece o convenio e a lei de prevención de riscos), tendo que facelo o propio persoal nos seus domicilios particulares.
Ambulancias Civera tampouco rematou as obras pendentes na base, polo que os traballadores/as continúan contando unicamente cunha soa ducha e carecen dun lugar no que poden lavar a louza que usan nas comidas ou no café. “Por non falar de que as taquillas seguen como hai meses e que o mal funcionamento do servidor está a causar graves problemas informáticos”, denuncia Xavier Aboi, da FGAMT-CIG de Pontevedra. Ao mesmo tempo, a responsábel sindical censura que a empresa pretenda tamén abaratar custes a costa da estabilidade do persoal.
Esta situación está a provocar un “caos” que afecta tanto aos empregados/as como ás persoas usuarias do servizo, polo que dende a FGAMT-CIG reclámanlle aos Sergas e á EOXI que “tomen cartas no asunto dunha vez por todas” para garantir un servizo “minimamente decente”, así como o cumprimento das obrigas laborais da empresa co seu cadro de persoal.