Convocadas mobilizacións nas sete cidades en demanda de “Liberdade para Palestina”
Diante dos acontecementos que se están a producir nestes días en Palestina, a CIG apoia e chama a participar nas concentracións convocadas para o vindeiro luns, día 16 de outubro, ás 20:00 horas para exixir "Liberdade para a #Palestina", en apoio á resistencia do pobo palestino e contra o apartheid e a ocupación sionista.
MOBILIZACIÓNS
- A Coruña: Obelisco
- Compostela: Praza do Toural
- Ferrol: Praza do concello
- Lugo: Praza Maior (diante do concello)
- Ourense: Rúa do Paseo (Subdelegación de Defensa)
- Pontevedra: Praza da Peregrina
- Vigo: Farola de Urzaiz
O pobo palestino está a sufrir xenocidio e limpeza étnica. Afronta, desde hai décadas, ataques contra a súa terra, a súa identidade e a súa cultura. Crimes contra a humanidade que deben ser detidos de inmediato. A maquinaria israelí de guerra e destrución viola os principios humanos máis básicos e está dirixida a civís.
Máis de 6 millóns de persoas do pobo palestino víronse na obriga de vivir durante décadas en refuxios, na diáspora e no exilio, mentres que milleiros de persoas presas, incluídas crianzas, languidecen nos centros e campamentos de detención.
A CIG asiste con alarma, indignación e preocupación a todas estas atrocidades cometidas contra o pobo palestino. O pobo palestino necesita xa ser liberado da ocupación e o apartheid aos que Israel o está sometendo. Xa é hora de que as institucións Internacionais e os estados occidentais poñan freo aos seus crimes.