Convocadas mobilizacións en Cambalache para denunciar a "conflitividade laboral permanente" provocada pola empresa
Falta de interlocución e negociación co comité, incumprimentos continuados da normativa laboral, modificacións arbitrarias das condicións de traballo que obrigan o persoal a abandonar a empresa ou persecución e acoso aos/ás traballadores/as, son algunhas das condicións que marcan o día a día na mítica cadea de restauración coruñesa 'Cambalache'.
Para denunciar esta situación e esixir a empresa un cambio nas "pésimas relacións laborais" que se dan nesta compañía, a CIG (que ten a maioría da representación no comité) ten convocadas dúas concentracións. A primeira será este mesmo venres, 21 de decembro, ás 20:30 horas diante do restaurante Cambalache da Praza de María Pita. A segunda protesta terá lugar o sábado 29 de decembro, ás 13:00 horas, na Praza Elíptica do centro comercial Marineda City.
Todas as demandas laborais, a xuízo ou na Inspección
"Levamos ano e medio intentando ter unha interlocución normalizada coa dirección, pero é imposíbel. Todas as cuestións laborais nesta empresa, por pequenas ou simples que sexan, temos que xudicializalas ou denuncialas na Inspección, porque se negan a resolver nada e a atender calquera petición presentada polo comité. Queremos que se respecten os nosos dereitos e imos saír á rúa para denunciar a situación insoportábel que estamos a vivir", explica Iago Barros, presidente do comité.
Barros subliña que nestes momentos Cambalache acumula 4 sancións graves da Inspección de Traballo e ten abertos máis de 15 procedementos por vulneración dos descansos semanais do persoal de reparto, incumprimentos da temperatura nos locais, colocación ilegal do taboleiro sindical, non respectar as categorías laborais, ter persoal nos restaurantes con contratos de fábrica (que teñen salarios inferiores), non facilitar o equipamento adecuado, etc. "Vémonos na obriga de recorrer de xeito permanente á administración laboral ou á vía xudicial para lograr que se recoñezan cuestións tan básicas como os descansos semanais obrigatorios. Por incríbel que pareza, a empresa prefire tirar os cartos preiteando a negociar co comité", afirma.
Falta de información ao comité
Fartos e fartas desta situación, a representación da CIG acordou iniciar mobilizacións para denunciar publicamente "as relacións laborais pésimas que temos que soportar e a conflitividade permanente provocada pola propia empresa".
Neste senso, Barros sinala que as catro sancións graves que acumula Cambalache veñen derivadas da falta de información ao comité; por non facer o rexistro das horas extraordinarias ou complementarias de todos os traballadores/as e ter ao persoal realizando máis horas das permitidas por lei en lugar de contratar a máis traballadores/as; por entregar copias básicas dos contratos irregulares; e por publicar fóra de prazo os calendarios laborais dos repartidores/as.
A empresa aproveita un requirimento para aplicar unha modificación substancial
Deste cúmulo de incumprimentos e irregularidades, o presidente do comité resalta como exemplo paradigmático o conflito xurdido por negarse a dirección a conceder os descansos semanal a seis repartidores/as. "Tivemos que denunciar e a Inspección de Traballo requiriu á empresa. Pero nunha artimaña totalmente rastreira, a empresa aproveitou esta circunstancia para aplicar unha modificación substancial das condicións laboral a todo o persoal de reparto, mudando as quendas de libranza. Isto provocou que catro repartidores pediran a baixa voluntaria por non poder compaxinarse con esta modificación horaria, que non lles tiña que ter afectado".
É dicir, engade Barros, respectar os descansos de seis traballadores, que non afectaba en nada á organización do traballo, converteuse nun castigo para todo o persoal de reparto "e en catro despedimentos pola porta de atrás". Por iso, con estas concentracións tamén se quere pedir a reincorporación destes compañeiros.
Persecución e acoso ao persoal que reclama os seus dereitos
Xunto a isto, dende o comité alertan da presión e acoso da empresa contra determinado persoal, polo simple feito de reivindicar os seus dereitos. "Como non poden ir a pola representación sindical, a empresa ataca os compañeiros máis vulnerábeis, abríndolle expedientes sancionadores arbitrarios e exercendo unha presión esgotadora. Este é o caso dun exdelegado de persoal que, tras 20 anos traballando en Cambalache, atópase agora con varias sancións e sufrindo un nivel de persecución que afecta a súa saúde de tal xeito que xa caeu de baixa. "Este é o outro dos moitos motivos polos que convocamos estas mobilizacións", conclúen.