Convocadas dúas novas xornadas de folga no ensino para os días 16 e 17 de decembro

Coincidindo coa avaliación escolar e a votación no Parlamento dos orzamentos da Xunta para o próximo ano
Nacional - 21 Nov 2025

O profesorado galego está chamado a secundar outras dúas xornadas de folga os días 16 e 17 de decembro, coincidindo coas avaliacións, sobre todo en primaria e secundaria dado que este ano se adiantan na Formación Profesional, e co debate e aprobación final dos orzamentos da Xunta para 2026. Isto supón que en apenas catro meses de curso haberá un total de cinco xornadas de paros, o que confirma que este conflito laboral é o máis intenso desde os anos 80 no ensino público non universitario.

As organizacións convocantes, que representan a maioría do profesorado segundo os resultados das últimas eleccións sindicais, entenden que hai moi pouca marxe de mellora arredor das principais reivindicacións docentes (baixada de ratios, recuperación do horario previo aos recortes ou maior dotación de persoal para atender á diversidade) se a Xunta aproba o proxecto de orzamentos tal cal está agora mesmo na súa tramitación parlamentaria.

Entre outras cuestións, o número de profesorado orzamentado é o mesmo que os últimos catro anos, 30.424, e calquera destas medidas implicaría unha importante ampliación desta cifra coa conseguinte partida económica para sufragar a contratación destes novos efectivos. No momento dos recortes a ampliación do horario en primaria e secundaria supuxo un recorte de miles de docentes.

Así pois, respondendo á suxestión de moito profesorado que se puxo en contacto estes meses coa central sindical, as datas consensuadas pola CIG-Ensino e STEG para estas novas convocatorias de folga son o día 16 e o día 17 de decembro, aínda que nas próximas semanas levaranse a cabo outras mobilizacións que terán como fin socializar o conflito entre a comunidade educativa nomeadamente entre as familias e o alumnado.

Eses dous días coincidirían en boa parte dos centros educativos con xornadas de avaliación, aínda que non en todos nin en todas as etapas porque, por exemplo, este ano froito da reforma na Formación Profesional  estas adiántanse considerabelmente.

A CIG-Ensino é consciente de que a Consellaría vai intentar condicionar o profesorado para que poña as cualificacións do alumnado independentemente de que se celebren xuntas de avaliación ou non, polo que o anima a facer pedagoxía coas familias e co alumnado para que saiban que secundar a folga vailles implicar un traballo extra se finalmente ceden a estas presións da administración.

Manifestación en Compostela o día 17

Por outra banda, estas dúas xornadas de folga rematarán o día 17 cunha gran manifestación en Compostela que terá como punto central o Parlamento galego. Debido á falta de espazo nas súas inmediacións para acoller o final da marcha, as organizacións convocantes propoñen saír desde a entrada do edificio, na Rúa do Hórreo, coincidindo co pleno no que terán lugar as votacións das contas autonómicas e atravesar Compostela até a Consellaría de Educación.

Nas próximas semanas as delegadas e delegados da CIG-Ensino percorrerán de novo os máis de 1.100 centros de ensino espallados polo territorio galego para que se sumen aínda máis docentes a estas convocatorias despois de que, nos últimos anos, nunca tanta xente participara nas folgas coma nas convocadas este curso, o que demostra a fartura e o malestar do profesorado galego polas súas condicións laborais pero tamén pola situación de crítica que atravesa o ensino público.  

Chamada ao conselleiro para que abra negociacións

O sindicato volve dirixirse directamente ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para que abra negociacións de inmediato e se reúna coas organizacións sindicais, como si fai o seu homólogo en Sanidade, para intentar frear estas convocatorias e mellorar a grave situación que atravesan os centros educativos e que xa non pode tapar máis malia toda a propaganda do seu departamento.