Convocadas catro xornadas de folga no sector da conserva para reclamar un convenio digno

Os paros de 24 horas terán lugar os días 27 e 28 de xaneiro e 24 e 25 de febreiro
Vilagarcía - 18 Dec 2025

A CIG, UGT e CCOO decidiron hoxe finalmente iniciar un calendario de mobilizacións no sector da conserva de peixe para reclamar un convenio colectivo digno ante o bloqueo da mesa de negociación pola actitude da patronal estatal de non atender as principais reivindicacións laborais.

As organizacións sindicais consensuaron a convocatoria de catro xornadas de folga en todo o sector a nivel estatal para os vindeiros días 27 e 28 de xaneiro e 24 e 25 de febreiro, ao tempo que barallan levar a cabo unha manifestación conxunta en Vilagarcía o próximo 24 de xaneiro, tendo en conta que Galiza concentra a maior parte desta industria. 

Tamén se baralla unha manifestación en Vilagarcía o 24 de xaneiro

A decisión de promover o conflito no sector tomouse tras constatar o inmobilismo do empresariado, que insiste en propostas de suba salarial insuficientes e négase a abordar cuestións como a redución de xornada, licenzas e outros dereitos de tipo social. Para 2025 o ferta un incremento de soldos en táboas do IPC interanual de decembro, máis un 1,5% a conta. A actualización de táboas sería en xaneiro de 2026 e os atrasos cobraríanse despois da publicación do convenio (uns 400 euros de media por persoa traballadora). 

En canto ao sistema de clasificación profesional, pretende introducir cambios “para que todo quede como está, mentres que a CIG aposta por un novo sistema “claro e transparente”, baseado nunha valoración de postos de traballo que non dea pé a discrecionalidades nin a decisións de encadramento arbitrarias por parte da patronal. “Para iso é preciso definir claramente cada nivel e anexar un catálogo con todos os postos de traballo e o seu encadre nos niveis (nomenclátor)”.