Convocadas asembleas para informar o persoal das auxiliares das cuestións tratadas coas empresas
O vindeiro martes, 21 de novembro, a CIG-Industria ten convocadas no local do sindicato en Ferrol, asembleas para abordar cos traballadores e traballadoras das industrias auxiliares de Navantia as cuestións faladas na mesa de negociación coas empresas e poñer en común as posturas a seguir. Estas asembleas (que terán lugar ás 11h e ás 19:30h) enmárcanse no compromiso da central sindical de manter o persoal puntualmente informado e facelo partícipe das decisións que se tomen nesas xuntanzas.
O secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, explica que na xuntanza que tivo lugar onte xoves, as empresas traían unha proposta con varios puntos a tratar, mais que non inclúa a cuestión salarial. Porén, por iniciativa dos sindicatos finalmente abordouse este tema. Neste senso, sinala Vidal, as centrais sindicais presentes na mesa coinciden en que o máis fácil para que se poida incluír no convenio colectivo “é que haxa un único plus que recolla os diferentes conceptos ou cantidades”.
Isto, matizan dende CIG-Industria, produciu certo debate na mesa sobre se debe haber diferenzas, como actualmente, entre empresas de aceiros e armamento e empresas de pintura e servizos; ou se o plus que se pacte nestas negociacións será definitivo, ou estará sometido a revisión nos futuros contratos de Navantia. En todo caso, recalca Vidal, quedou plasmado en acta a necesidade fundamental que ambas partes ven "de incluír o que se acorde nesta mesa no convenio colectivo, preferibelmente en forma de anexo ao mesmo".
Ademais, de existir problemas para a incorporación do acordo no convenio “pedirase a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais”. Para a CIG esta cuestión é de máxima relevancia, xa que a inclusión nun marco legal “será a garantía da eficacia dos acordos”.
Sobre os temas que traía a patronal, informa Vicente Vidal, unicamente quedaron presentados, quedando pendente de que concreten as súas propostas para tratalos en futuras reunións. Estas cuestións refírense ao ámbito de aplicación do acordo; a xornada de traballo (concretamente á posibilidade de aplicar sistemas que aumenten o tempo de traballo efectivo, así como a posibilidade de aplicar as xornadas máximas legais a cambio de descanso compensatorio); e á mobilidade funcional e clasificación profesional.
Pola súa banda, as centrais sindicais acordaron concretar unha proposta nunha reunión previa á próxima xuntanza da mesa.
Finalmente, a representación da CIG informou na reunión “que nos pode valer o tipo de formato que queren pór nesas mesas, pero reiteramos a nosa reivindicación: a aplicación dos salarios recoñecidos nos acordos xa asinados”.