Convocadas 34 mobilizacións en cidades e vilas galegas contra a ocupación e o xenocidio en Palestina

Terán lugar o vindeiro luns, día 31 de marzo, para conmemorar tamén o Día da Terra palestina
Nacional - 24 Mar 2025

A Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina presentou esta mañá a convocatoria, para o vindeiro día 31 de marzo, dunha Xornada Nacional de mobilizacións contra a ocupación e o xenocidio en Palestina en 34 cidades e vilas de Galiza. Unha xornada que se fixo coincidir coa conmemoración do Día da Terra palestina, que se celebra cada 30 de marzo. Unha data na que se conmemora a histórica folga xeral de 1976 contra o roubo de territorios palestinos.

Segundo explicou Anxela Gippini, esta xornada convócase porque “a pesar da anunciada tregua en Gaza, o bloqueo continuaba e continúa a situación de fame e de falta de asistencia sanitaria”. Porén, considerou que agora é máis necesaria aínda, logo de que a pasada semana o Estado sionista rompera unilateralmente a tregua, asasinando a máis de 500 persoas nunha soa noite. “Lamentabelmente, estes crimes continúan. Crimes contra tendas de refuxiadas, crimes contra escolas, crimes contra hospitais”, dixo.

Por iso chamou á mobilización, para que, máis unha vez, o pobo galego manifeste a súa solidariedade co pobo palestino, dando “unha resposta nacional, unha resposta galega e de país”.

Basta xa de xenocidio

Pola súa banda, Sami Ashour fixo un especial chamamento a participar “a todas as persoas que non están de acordo co xenocidio”, diante da “tan dramática, tan catastrófica” situación na que se atopa o pobo palestino “condenado a morte, condenado á aniquilación total” e chamou a encher as rúas e as prazas “e que gritemos todos xuntos basta xa de matar, basta xa de xenocidio”.

Ashour lembrou que as persoas ás que non matan os bombardeos “mátanas de sede, porque non hai auga potable, non hai hospitais, non hai atención médica” e denunciou que hoxe mesmo atacaron os talleres de reparación das ambulancias e do servicio civil en Gaza porque “non queren que haxa ambulancias que rescaten os mortos e aos feridos”.

Sami Ashour concluíu afirmando que “están matando á poboación da peor forma vista neste século e a Europa non pode seguir calada. Se os dirixentes miran para outro lado, pois o pobo non. E o pobo galego é vivo, libre e non acepta estas formas de tratar a un pobo”.

Na mesma liña Oscar Valadares  denunciou a “hipocrisía internacional” e a “impunidade absoluta” coa que opera Israel. “Dá igual o que fagan”, dixo. Por iso denunciou “a complicidade das potencias internacionais que son as que lle permiten a Israel facer isto” e asegurou que “se os Estados Unidos e os membros da Unión Europea non lle desen cobertura que lle dan a Israel, non estariamos diante dun xenocidio como o que estamos asistindo”.

Neste sentido denunciou o lamentable papel da Xunta de Galiza polo seu silencio absoluto diante do xenocidio mentres, por outra banda, mantén programas de cooperacións e acordos económicos co Estado de Israel.

 

CONVOCATORIAS

A Coruña 20h no Obelisco

A Guarda 20h Praza Avelino Vicente

Allariz 20h A Barreira

Betanzos 20h Cantón de Claudino Pita

Cangas 20h Praza do Concello

Carballo 20h Praza do Concello

Chantada 20h Praza do Cantón

Compostela 19h30 Praza do Toural

Corcubión 19h30 Praza de Castelao

Ferrol 20h Praza do Concello

Foz 20h Diante do Concello

Lugo 20h Diante do Concello

Manzaneda 20h Praza dos Cuchufellos

Melide 20h Praza do Convento

Monforte de Lemos 20h Praza de España

Noia 20h Diante do Concello

O Barco de Valdeorras 20h Praza do Concello

O Carballiño 20h Praza Maior

O Porriño 20h Praza do Concello

Ourense 20h Subdelegación de Defensa

Ponteareas 20h Diante dos Xulgados

Pontedeume 20h Praza do Concello

Pontevedra 20h Praza da Peregrina

Redondela 20h Praza do Concello

Ribadavia 20h Praza Maior

Ribeira 20h Praza do Concello

Silleda 20h Praza Siñor Afranio

Val Miñor 20h Cruce da Ramallosa

Verín 20h Praza do Concello

Viana do Bolo 20h Praza Maior

Vigo 20h Farola de Urzáiz

Vilagarcía 20h Praza de Galiza

Vilalba 20h30 Praza da Constitución

Viveiro 20h Praza Maior


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.