Convocadas 22 accións en demanda da paralización do Plan Forestal e "Por un Monte Galego con Futuro"
A Plataforma Por un Monte Galego con Futuro, da que a CIG fai parte, convoca para o vindeiro domingo, día 21 de marzo, ás 12:00 horas, unha acción descentralizada en demanda da paralización do Plan Forestal imposto polo PP; da adopción de medidas específicas, a través dun regulamento, para aplicar de maneira efectiva a anunciada moratoria do eucalipto, impedindo novas plantacións mediante o reforzamento das medidas de control e vixilancia e en defensa dun monte con futuro.
A moratoria do eucalipto anunciábase escasas horas despois de se aprobar o novo Plan Forestal Galego que a Plataforma ten denunciado, de forma reiterada, que responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado.
Un plan que pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral, sen contemplar a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais e garantir así os servizos ecosistémicos dos montes galegos; fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras e propón aumentar, aínda máis, a superficie ocupada por eucalipto, en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.
Para a plataforma este plan non fai máis que agravar a situación actual, que o propio goberno galego recoñeceu co anuncio da moratoria para prohibir máis plantacións de eucaliptos.
Por iso demanda, con esta acción descentralizada que se desenvolverá en 22 localidades galegas, a devolución do novo Plan Forestal Galego ao Consello Forestal para realizar unha nova redacción axeitada ás necesidades do país e na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e co medio rural.
ACCIÓNS DESCENTRALIZADAS
Betanzos, Praza de García Hermanos
Ferrol, diante do Edifizo Administrativo da Xunta
Santiago de Compostela, diante da sé da Presidencia da Xunta de Galiza( Praza do Obradoiro)
Melide, Xardíns do Cantón de San Roque
Lugo, diante do Edificio da Xunta de Galiza
Becerreá, diante do Concello
Chantada, Praza do Cantón
Vilalba, Praza do Templete
Ourense, diante da Delegación Provincial do Medio Rural
Verín, diante do Concello de Verín
Xinzo de Limia, na Praza Maior
Vigo, sede da Xunta, praza da Estrela, Rúa concepción Arenal 8
Pontevedra, na Praza da Ferrería
Cangas, diante do Concello
Bueu, diante do Concello
Moaña, diante do Concello
Vilaboa, diante do Concello
Marín, diante do Concello
Vilagarcía, praza de Ravella
Cercedo-Cotobade, Praza do Concello
Tomiño, Praza do Seixo
Nigrán, Explanada de San Campio, A Ramallosa