Convocada unha xornada de folga en ISS, concesionaria de limpeza do Concello de Compostela
As traballadoras da empresa concesionaria do servizo de limpeza das instalacións do Concello de Santiago teñen convocada unha xornada de folga, para o próximo día 15 de marzo, en defensa dos seus dereitos. Nesta empresa, no ano 2007, as traballadoras estiveron 58 días de folga para mellorar as súas condicións de traballo, asinando un pacto laboral para todas elas. Acordos que a día de hoxe, a empresa ISS FACILITY SERVICES, non cumpre.
A CIG-Servizos de Compostela detectou, entre outras cuestións, que a empresa non aplica o pacto laboral as novas contratacións. De feito, segundo explica o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Alonso, “varias das nosas afiliadas teñen presentado demandas no xulgado reclamando este dereito”.
Ademais, o ano pasado a empresa vinculou a concesión dos días de asuntos propios conseguidos neste pacto á duración da contrata, dando só os días proporcionais, a pesares de que no acordo non se limita este dereito. Unha cuestión pola que se presentou conflito colectivo que está pendente de resolución xudicial.
A CIG-Servizos detectou tamén, despois de ter falado co Concello, que a empresa fixo unha contratación no ano 2015, a un home con categoría de especialista -categoría superior-, sen ofertar as horas á comisión paritaria. Nesas conversas tamén se comprobou que no listado de subrogación entregado pola empresa figura que se lle aplica todo o pacto laboral a todo o persoal.
Desigualdades de xénero
A CIG-Servizos de Compostela denuncia que tamén constatou que desde hai bastante tempo os homes teñen coche de empresa para desprazarse polos centros, principalmente os cristaleiros, cando as mulleres teñen que usar os seus medios propios.
Este ano 2018 a empresa tampouco incrementou o plus de centro de traballo na mesma contía que o convenio colectivo, nin pagou os atrasos correspondentes. “Solicitada unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais, no acto da mesma, a empresa no recoñece á comisión paritaria acordada no pacto do ano 2007”, explica Alonso quen sinala que esta comisión é a encargada de velar polo cumprimento do acordo e, nomeadamente do control das horas de traballo que se lle adxudican ás traballadoras nas ampliacións de contrato.
Lembra ademais que a maioría das traballadoras estaban a tempo parcial e foron incrementando a súa xornada grazas a este acordo e que foi unha vez enviada a convocatoria de folga cando a empresa actualizou o plus e pagou os atrasos.
Demandas do persoal
Con esta xornada de folga demandan a aplicación do pacto laboral para todo o persoal, sobre todo tendo en conta que a empresa trasladou un listado ao concello recoñecendo que se lle aplica a todo o mundo.
Exixen ademais a igualdade real entre homes e mulleres, acabando coa discriminación especialmente nos homes que teñen coche de empresa para facer os desprazamentos entre as diferentes instalacións, así como a contratación dun home para unha categoría de especialista, sendo categoría superior a de limpadora.
Reclaman o recoñecemento da comisión paritaria, encargada de velar polo cumprimento do pacto, e que a empresa, nun acto de mala fe diante do Consello Galego de Relacións Laborais, non recoñece, a pesares de ter a última xuntanza entre a comisión e a Dirección o pasado mes de novembro, a cal non foi cuestionada.
Actuación do concello de Compostela
A CIG-Servizos de Compostela demanda tamén do concello de Compostela que obrigue á empresa a cumprir os acordos pactados e a adoptar medidas nos futuros pregos para evitar as discriminacións e anuncia que a maiores desa xornada de folga establecerá un calendario de mobilización para denunciar diante da clientela de ISS a situación destas traballadoras e a hipocrisía na igualdade entre homes e mulleres que hai nesta empresa.