Convocada unha nova xornada de folga na Inspección de Traballo para o 25 de xaneiro
O próximo 25 de xaneiro está convocada a segunda xornada de folga na Inspección de Traballo e Seguridade Social ante o reiterado incumprimento por parte do Goberno español do acordo asinado coa representación social en xullo de 2021 e o abandono absoluto deste organismo, fundamental no mundo do traballo.
As organizacións sindicais denuncian que despois do tempo transcorrido non se puxeron en marcha aínda as medidas para reforzar a ITSS senón que cada día que pasa "os problemas agrávanse e faise máis complexa a solución necesaria", abocando o organismo "ao desastre".
O 20% do orzamento da ITSS sen executar
A este respecto, critican que se desperdiciara máis do 20% do orzamento recollido o pasado ano para a Inspección de Traballo, que quedou sen executar, "obtendo o organismo o peor cociente da súa historia no que a execución orzamentaria refírese e desaproveitando unha oportunidade singular para dotar de corpo as medidas comprometidas no acordo de xullo de 2021".
A representación de CIG, CCOO, CSIF, SITSS, SISLASS, UXT, UPIT e USESS na ITSS lamentan que o Ministerio de Traballo pretenda eludir as súas responsabilidades no cumprimento do Plan Estratéxico e no fortalecemento da institución; ao tempo que o Ministerio de Facenda "nin sequera se sinte aludido, cando é o responsábel do bloqueo do acordo antes indicado e cando o deterioro no noso organismo roza niveis perigosos que poden poñer en cuestión a capacidade de resposta do mesmo".
Esta inacción contrasta cos discursos do Goberno español pondo en valor o traballo realizado dende a Inspección, e os anuncios e compromisos de novas medidas e actuacións que supoñen maior presión sobre a debilitada estrutura da ITSS "aumentando as cargas de traballo e a complexidade e dificultade da tarefa". "Pero simultaneamente, este Goberno non é capaz de dar un só paso que permita reforzar e asegurar a capacidade da institución á hora de responder con calidade a cada un dos retos que recaen sobre ela".
Cansazo do persoal
Neste contexto, advirte a representación social, "o cansazo do persoal é patente". "Incumprir os acordos asinados, utilizar o silencio como elemento de desgaste, amordazar a negociación colectiva e seguir encomiando os logros da Inspección pero obviando as súas debilidades, desprezando ao seu persoal á vez que se lle somete a un desgaste sen precedentes deixándoa sen horizontes de solución, só pode entenderse se o Goberno deste país apostou por facer desaparecer o organismo por implosión acentuando a súa decadencia até que finalmente derrúbese".
Por estas razóns, mantense a convocatoria de folga para o próximo 25 de xaneiro, e, de non revertese a situación, as mobilizacións continuarán nos vindeiros meses.