Convocada unha nova xornada de folga contra o desmantelamento da Administración de xustiza
Ante a falta de negociación por parte da Xunta de Galiza, as traballadoras e traballadores da Administración de xustiza continúan adiante co calendario de mobilizacións previsto. Deste xeito mantense a convocatoria dunha xornada de folga para mañá venres día 1 de decembro en todo o país que afecta ao redor de 2.500 empregados/as.
As organizacións sindicais convocantes, entre elas o sector de Xustiza da CIG-Administración, lembran que as mobilizacións iniciadas no sector son a resposta ás discriminacións laborais e salariais que sofre o persoal desta administración en Galiza e "ao desmantelamento que o Goberno do PP está a facer da xustiza”. Subliñan ademais a necesidade de defender un servizo público esencial cuxos recortes afectan a toda a cidadanía, atrasando os tempos de resposta da administración de xustiza.
Horas e lugares das concentracións
- A CORUÑA: Edificio Xulgados, rúa Monforte. 12:00 horas.
- SANTIAGO: Edificio Xulgados, Fontiñas. 12:00 horas.
- FERROL: Edificio Xulgados, rúa Coruña. 12:00 horas.
- LUGO: Edificio Xulgados, rúa Armando Durán. 12:00 horas.
- OURENSE: Edificio Xulgados, rúa Velázquez. 12:00 horas.
- PONTEVEDRA: Audiencia Provincial, rúa Rosalía de Castro. 12:00 horas.
- VIGO: Edificio Xulgados, rúa Lalín. 12:00 horas.