Convocada nova protesta contra o acoso laboral en Mercadona coincidindo coa inauguración dun supermercado en Vigo
A CIG-Servizos continúa coa campaña ‘Un segredo a voces’ coa que está a denunciar a política de acoso laboral que aplica Mercadona contra os cadros de persoal, con insultos, berros, chantaxes, abusos de poder e vulneración de dereitos. Nesta ocasión ten convocada unha concentración en Vigo este luns día 17 ás 11:30 horas, coincidindo coa inauguración dun supermercado da empresa na avenida García Barbón, 106.
A central sindical leva dende agosto de 2024 desenvolvendo protestas por todo o país contra o ‘modelo’ implantado na compañía de alimentación, caracterizado por unha serie de abusos contra as persoas traballadoras e as delegadas sindicais, como faltas de respecto, berros, insultos, persecución, illamento laboral e o acoso telefónico ao persoal que se atopa de baixa. De xeito paralelo ás mobilizacións, a CIG tramitou tamén as correspondentes denunciadas diante da Inspección de Traballo.
Segundo explican dende a central sindical este tipo de prácticas responden a unha metodoloxía (‘modelo Mercadona’) que supón unha clara vulneración de dereitos ao contemplar, entre outras cousas, castigos discrecionais sen datos obxectivos que afectan, por exemplo, ao cobro de primas económicas anuais de entre 3000 e 6000 euros, como así llo ten traslado a CIG á autoridade laboral. “O obxectivo desta estratexia é presionar, coaccionar e dar exemplo disciplinario a terceiras persoas para deixar claro quen manda dentro do grupo empresarial, aínda que iso provoque situacións de humillación pública ante compañeiras/os ou clientes”.
De igual xeito, a compañía está a penalizar a representación sindical por participar nesta campaña de denuncia mediante actas de reprimenda e valoracións negativas discrecionais “para intentar que abandonemos a empresa”. Ao igual que fan co persoal que non cumpre os tempos como consecuencia da elevada carga de traballo, “que é perseguido e ten que aturar comentarios despectivos”.