Convocada mobilización polo recoñecemento do acordo das 35 horas para todo o persoal do SERGAS
Os sindicatos da Mesa Sectorial (CIG, CSIF, CCOO e UGT) convocan unha concentración para o venres día 17 ás 11 horas diante da Consellería de Sanidade pola negativa do SERGAS a recoñecer as 35 horas semanais acordadas para todo o persoal.
O 20 de abril do 2023 os sindicatos asinaron un acordo co SERGAS que ía reducindo ano a ano a xornada laboral até chegar neste ano 2025 as 35 horas. Denuncian que, porén, o SERGAS de xeito unilateral, sacou unhas instrucións para 2025 onde “obriga” a determinados colectivos a facer unha xornada por encima das 35 horas.
Entenden que esta obriga “non está debidamente motivada”; que non se tratou de establecer un sistema de voluntariedade; que non se planificou que asistencia; en que centros e con que profesionais se ten que cubrir. En síntese, que “non houbo planificación, previsión nin negociación”.
Na última mesa sectorial o SERGAS admite que esta “obriga” se puidese matizar e empraza a un grupo de traballo convocado para o dia 14 de xaneiro, comprometéndose a elaborar un documento para levar a debate neste grupo.
Sen documentación
A dia de hoxe, véspera dese grupo de traballo, denuncian que “non hai documento, non hai análise previo”, co que se temen que “novamente esta Dirección de RRRHH opta por adiar os problemas, non negociar e impoñer con improvisación medidas puntuais parcheando situacións concretas e non arranxando nada”.
Por iso os sindicatos da Mesa Sectorial decláranse “fartos” e reclaman “mesas de negociación, mesas onde se aborden os problemas reais do persoal, buscando solucións, en definitiva negociar e mellorar as condicións de traballo do persoal do SERGAS”. Conclúen que “para unha boa calidade asistencial son imprescindibles unhas condicións de traballo dignas”.