Convocada manifestación o 22 de outubro contra o traslado de servizos e emprego iniciado por R
As centrais sindicais CGT, UGT, CCOO e CIG convocan unha manifestación o martes 22 de outubro, para esixir a R Cable a paralización inmediata do proceso de traslado de servizos e do emprego fóra de Galiza. Unha deslocalización que, no caso do servizos de que operación e mantemento de rede, previsibelmente se fará efectiva a data de 31 de outubro, afectando a numerosas empresas e a centos de traballadores e traballadoras en toda a provincia. A manifestación sairá ás 19:00 horas da tenda de R situada na rúa Compostela (zona da Praza de Lugo) e rematará fronte ao edificio de R Cable situado no Obelisco.
Previamente, o mércores 16 de outubro, terá lugar ás 12 horas unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta en Monelos, onde os sindicatos emprazarán por escrito o conselleiro de Industria para que exerza dunha vez a súa responsabilidade e convoque unha reunión con todas as partes implicadas (R Cable, auxiliares, sindicatos e Administración) co obxectivo de abordar o futuro dos empregos.
As centrais sindicais reclamamos que a Xunta se implique activamente no conflito para impedir que se consume esta deslocalización e para que obrigue a R Cable e a súa propietaria Euskaltel, a negociar coa representación social.
As centrais sindicais subliñan que a Xunta non pode inhibirse diante deste novo ataque ao emprego e ten que actuar para garantir os postos de traballo e a calidade duns servizos de telecomunicacións que se construíron a conta dos cartos públicos de todas as galegas e os galegos. A utilización dese diñeiro ten que reverter no noso desenvolvemento económico, social e tecnolóxico e non pode servir para que empresas privadas se lucren e incrementen beneficios a base avanzar na deslocalización da súa actividade e a precarización das condicións laborais.