Manifestación no Carballiño polo dereito de folga e contra a represión sindical en GRI Towers
As federacións de industria da CIG, CCOO e UGT de Ourense convocan este mércores día 25 unha manifestación en defensa do dereito de folga e contra a represión sindical na empresa GRI Towers do Carballiño. A marcha sairá dende a estación de tren ás 18:30 horas e rematará diante do Concello.
Dende as tres centrais sindicais denuncian que GRI Towers puxo en marcha unha campaña represiva contra os traballadores/as que participaron activamente na recente folga para reclamar un convenio digno no sector do siderometal. “Como o persoal da empresa secundou masivamente o paro indefinido, a excepción dun pequeno grupo de esquirois, a dirección decidiu tomar a revancha ao verse obrigada a ter que subir os salarios”, sinala o secretario comarcal da CIG-Industria, Indalecio Gómez.
Neste contexto GRI Towers denunciou pola vía penal a catro empregados, aos que acusa de danos por valor de 138.000 euros nunhas torres eólicas que apareceron luxadas con pintura. Gómez considera desproporcionada a contía, “por non falar de que non está probado que estes compañeiros fosen os responsábeis dos feitos dos que se lles acusan”. Ao mesmo tempo, critica que a empresa estea a impoñer dende o remate da folga distintas sancións contra outros traballadores.
O responsábel sindical sostén que estas represalias da compañía contra os empregados/as que estiveron en primeira liña durante as mobilizacións responde á campaña de criminalización posta en marcha pola patronal, “á que se sumaron os poderes mediático e político porque sabían que a vitoria dos traballadores/as do siderometal sería un exemplo para outros sectores e que revitalizaría a negociación colectiva na provincia”.
Neste senso, lembra que a represión sindical constitúe unha vulneración de dereitos fundamentais, “malia o que nunca vemos que o poder político ordene actuacións contra o empresariado responsábel; o que si vemos son campañas mediáticas de criminalización mediática contra traballadores/as que simplemente defenden que se soben os prezos teñen que subir os salarios”.