Convocada manifestación nacional este domingo, ás 12:00 horas, en Compostela para reclamar a fin do xenocidio en Palestina

Convocan a Asociación Galaico Árabe Janin, BDS, Galiza por Palestina e Mar de Lumes
Nacional - 13 Dec 2023

A brutal invasión do territorio de Gaza; o desprazamento obrigado de miles de milleiros dos seus habitantes cara o Sur, onde agora Israel aproveita o amoreamento humano para descargar o seu odio en forma de bombas; os ataques indiscriminados por terra, mar e aire; o bloqueo á entrada de alimentos, auga e medicamentos; o bombardeo de hospitais e ambulancias; os asasinatos de milleiros de crianzas converteron a Palestina nun inferno.

As imaxes que nos chegan, día a día, son insoportábeis. É un horror ver a dor e a desesperación televisada dun pobo que está sendo masacrado, vítima dun xenocidio perpetrado polo réxime de terror do Estado sionista de Israel.

E máis terríbel é ver como nin sequera a comunidade internacional, secuestrada polo mellor aliado  e cómplice de Israel, os EEUU, é quen de adoptar medidas para obrigar ao sionismo a cesar o fogo e rematar o xenocidio.

Por iso, desde a CIG facemos un chamamento a participar na manifestación nacional que terá lugar este domingo, día 17 de decembro, ás 12:00 horas, con saída da Alameda compostelá, para exixir o cesamento inmediato do fogo e demandar que se adopten todas as medidas necesarias contra o Estado de Israel por crimes contra a humanidade.

Non podemos permitir que esta operación de limpeza étnica continúe nin un minuto máis.

Paremos o xenocidio!

#PalestinaVencerá