Convocada manifestación de delegados/as da CIG-Salnés en apoio do persoal do Hotel Balneario da Toxa

A CIG reclamará xudicialmente a nulidade do ERE e dos 21 despedimentos
O Grove - 10 Dec 2024

A CIG-Salnés vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación de delegados/as sindicais para este xoves 12 en solidariedade coa loita do persoal do Hotel Balneario Eurostars Illa da Toxa en defensa dos seus postos de traballo. A central tamén adiantou a súa disposición a reclamar xudicialmente a nulidade do ERE e dos 21 despedimentos.

Unha vez rematado o período de consultas do ERE o pasado 25 de novembro, a dirección comunicou onte pola tarde a súa intención de prescindir finalmente de 21 persoas traballadoras, ás que se lle suman 5 máis cuxos contratos non van ser renovados. De xeito que o cadro de persoal do establecemento hoteleiro do grupo HOTUSA quedará integrado só por 10 persoas: 3 en labores de mantemento, 3 en recepción, 3 en restauración e 1 en reservas.

O responsábel da CIG-Salnés, Xoán Xosé Bouzas, que compareceu hoxe en rolda de prensa xunto a delegados/as da central no comité do Hotel Balneario, lamentou que a empresa siga adiante na súa intención de proceder á extinción dos contratos sen dar ningún tipo de alternativa. “Quedan baixo mínimos, o que vai provocar unha perda importante na calidade dos servizos”, augurou.

Bouzas cualificou de “inxustificada e inxusta” unha decisión coa que a dirección pretende desfacerse do persoal “máis incómodo” e con maior antigüidade na empresa. De feito, no ERE están incluídos 4 dos 5 membros do comité. E tamén todas as persoas que se atopaban de baixa médica.

Por iso anunciou a decisión de reclamar xudicialmente a nulidade das rescisións de contrato “porque os motivos que esgrime a empresa non se sustentan”. Ao tempo que se demandará que o informe da Inspección de Traballo con respecto ao ERE sexa negativo. Ademais, a central denunciará diante da autoridade laboral que durante as xornadas de folga convocadas recentemente contra os despidos a compañía cubriu os postos dalgúns folguistas con persoal externo. 

A marcha terá lugar este xoves 12 dende o Concello do Grove ás 11:00 horas

O responsábel sindical sinalou que houbo persoas traballadoras que se viron na obriga de aceptar a precarización das condicións laborais para manter o emprego, polo que pasarán de ter contrato indefinido a fixo descontinuo e traballarán só nove meses ao ano. E censurou que esta é a política que está a levar a cabo a dirección no conxuntos dos establecementos do grupo HOTUSA: despedir persoal e externalizar servizos.

Finalmente, quixo deixar claro que o comité continuará convocando mobilizacións e xornadas de folga, polo que até final de mes é moi probábel que se celebren 9 ou 10 novos días de paros de 24 horas. Mentres que para este xoves 12 -coincidindo coa última xornada de folga convocada até o de agora- hai prevista unha manifestación que arrincará dende o Concello do Grove ás 11:00 horas e que rematará diante do Hotel Balneario.

Na protesta participarán delegados/as da CIG na comarca en solidariedade coa loita do cadro de persoal, e dende a central fan un chamado á veciñanza do Grove para que se sume á protesta en defensa dos postos de traballo.