Manifestación comarcal en defensa do transporte público vigués e por un convenio digno en Vitrasa
As catro organizacións sindicais con representación no comité de empresa de Vitrasa anunciaron hoxe a convocatoria dunha manifestación comarcal para este sábado 24 de febreiro dende a Praza dos Cabalos ás 18:30 horas en defensa do transporte público e para reclamar un convenio colectivo digno na concesionaria do bus urbano.
Responsábeis da CIG, CCOO, UGT e USO compareceron esta mañá en rolda da prensa para ofrecer os detalles da mobilización e facer un chamamento á cidadanía de Vigo e do conxunto da comarca a participar, “en especial as persoas usuarias do transporte urbano, porque máis alá do conflito laboral que se prolonga dende hai tres anos e que hoxe cumpre 90 días de folga indefinida o que está en xogo é tamén a calidade dun servizo público absolutamente esencial para a veciñanza”.
Neste senso, o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, lembrou que o servizo tense recortado e precarizado nos últimos catro anos coa desaparición de liñas como a C2, N2, N3 ou PMR, e coa redución de máis de 250 expedicións ao día, o que supuxo un aumento dos tempos de espera debido a diminución de frecuencias. “Ofrécese un peor servizo, sobre todo nos barrios e nas parroquias, pola imposición dos chamados horarios flexibles e o mantemento dun mapa de liñas obsoleto”.
Mentres que neste período o prezo do billete aumentou até tres veces (cun incremento total do 16%), situando o autobús de Vigo como o máis caro de toda Galiza. Ademais, Vitrasa tenlle solicitado ao Concello un reequlibrio económico de 31 millóns polas presuntas perdas xeradas durante a pandemia. “Toda esa inxente cantidade de diñeiro vai a parar unicamente ao peto da empresa, que non inviste un só céntimo na mellora do servizo, nin tampouco na mellora das condicións de traballo do persoal”.
Importante perda de poder adquisitivo
Porque os traballadores/as levan máis de tres anos cos soldos conxelados, perdendo poder adquisitivo pola negativa da dirección a sentarse a negociar un novo convenio colectivo (o anterior leva caducado dende 2020). En consecuencia, o persoal de Vitrasa reclama unha actualización dos seus salarios e tamén unha serie de melloras que permitan ofrecer un servizo público de calidade ás persoas usuarias do transporte público da cidade. Neste senso, lembrou que “ante o bloqueo da negociación polo enroque da empresa o persoal iniciou unha folga indefinida o pasado 25 de novembro”.
Finalmente, lamentou que a pesar de tratarse dun servizo concesionado polo Concello, o Goberno municipal de Abel Caballero non ten feito nada para promover unha resolución ao conflito, “e consente de maneira cómplice os incumprimentos de Vitrasa do prego de condicións e das súas obrigas co cadro de persoal”.