Convocada folga xeral no ensino este martes 24 de outubro

A CIG, contra o “acordo da infamia” da Consellaría de Educación
Nacional - 23 Out 2023

A CIG-Ensino convoca folga xeral no ensino este martes 24 de outubro contra o Acordo presentado pola Consellaría de Educación. Unha proposta que non mellora o horario lectivo; que atrasa a redución das ratios nove cursos en Primaria e sen compromiso de negociar cambios en Secundaria até despois do curso 2026/27; que non contempla nada para FP e ensinanzas de réxime especial, que quedan fóra deste documento, e que tampouco introduce avance significativo ningún para simplificar a carga burocrática que ten o profesorado.

 

O sindicato rexeitou o documento final da Consellaría, asumido polos demais sindicatos nun proceso de “falsa negociación” co que “literalmente dá un carpetazo á única oportunidade aberta desde a chegada do PP á Xunta de negociar melloras reais nas condicións laborais do profesorado e no sistema educativo e, polo tanto, de reverter os recortes de dereitos que se levan perpetrando desde hai máis de unha década”, afirma o secretario nacional, Suso Bermello. 

Co acordo dánlle carpetazo á única oportunidade aberta desde a chegada do PP á Xunta de negociar melloras reais nas condicións laborais do profesorado e no sistema educativo

Bermello denunciou a entrega dos demais sindicatos e lembrou que “a responsabilidade sindical radica na coherencia do compromiso adquirido co profesorado, e todas as organizacións con representación temos compartido mobilizacións para recuperar dereitos como o do horario lectivo e así figuraba en todos os programas electorais de hai menos dun ano. A CIG-Ensino asume a súa responsabilidade e afirma que se a porta da negociación se pecha só cabe abrir a da mobilización para forzar a Consellaría a que rectifique coa incorporación no documento de melloras reais nas nosas condicións laborais”.

A CIG-Ensino rexistrou en solitario a convocatoria de folga xeral no ensino público despois de coñecer que os demais sindicatos asumiron a chantaxe da Xunta e traizoaron o profesorado. Por coherencia, por dignidade e para darlle voz e protagonismo a un profesorado farto que loita polos seus dereitos e pola mellora do ensino público galego.