Convocada folga por unha Atención Primaria digna o 9, 10 e 11 de abril
As traballadoras e traballadores de Atención Primaria, tanto dos servizos e unidades, como nos Puntos de Atención Continuada (PACs), nos 14 distritos das 7 áreas sanitarias de Galiza, están chamados á folga os días 9, 10 e 11 de abril en demanda dunha Mesa de Diálogo, na que estean presentes as sociedades científicas, asociacións profesionais e sindicatos, para elaborar un novo acordo sobre a Mellora da Atención Primaria.
Entre outras cuestións demandan un aumento do orzamento; a recuperación das Xerencias de Atención Primaria; o aumento do persoal; rematar coa precariedade e que se lle dea unha solución definitiva ao conflito dos PACs.
As organizacións sindicais convocantes, CIG, CCOO, UGT, CSIF, OMEGA e CESM manifestan a súa preocupación pola situación que se está a vivir no conxunto da Atención Primaria. Por iso demandan a apertura dun marco de negociación coa administración, co obxectivo de conseguir unha Atención Primaria digna, “cunha organización propia que poida xestionar o orzamento e os recursos humanos necesarios para facer o seu traballo en condicións de dignidade tanto para os pacientes como para as e os profesionais, encamiñado a acadar un novo acordo sobre a mellora da Atención Primaria que inclúa a tódalas categorías”.
Demandas irrenunciables
Entre os puntos que consideran irrenunciables sinalan o aumento progresivo do orzamento, co obxectivo de acadar o 25% do total da sanidade pública (excluído o gasto farmacéutico) en 4 anos.
Xunto a isto demanda que se modifiquen as actuais EOXIs creando unha Xerencia de Atención Primaria con capacidade de planificar e xestionar o orzamento e os recursos humanos propios, en pé de igualdade coa Atención Hospitalaria, recuperando as áreas sanitarias suprimidas.
Outra das cuestións que puntan como irrenunciable é o aumento de persoal coa inmediata convocatoria de todas as prazas necesarias en todas as categorías, tendo en conta vacantes e futuras xubilacións, e non só estabilizando as actuais con contratos precarios, senón tamén incorporando novas prazas en función da análise de necesidades para diminuír as ratios actuais de pacientes por profesional. Isto xunto a eliminación da taxa de reposición.
Ademais exixen que se poña fin á política de precariedade laboral do persoal, imprescindible para garantir a calidade asistencial. A este respecto exixen modificar, para mellorar o modelo de contrato acordado na mesa sectorial, o denominado "Nomeamento Estatutario Eventual de Continuidade no ámbito do SERGAS".
Conflito dos PACs
O conflito dos PACs é tamén un dos temas que sinalan como irrenunciable, para que se garanta unha prestación asistencial segura e de calidade tanto para pacientes como para profesionais, apoiando as reivindicacións recollidas na súa convocatoria de folga.
Por todo isto, que a CIG cén demandando desde a chegada de Feijóo ao goberno da Xunta en 2009, a central sindical apoia e chama a participar nesta folga.