Convocada folga parcial de dúas horas en Facet Ibérica contra os despedimentos e a externalización da actividade
Os traballadores e traballadoras de Facet Ibérica farán folga parcial de dúas horas o vindeiro luns, 27 de maio, para denunciar o desmantelamento do taller e para esixir a readmisión dos sete compañeiros e compañeiras despedidas o pasado 7 de maio. O paro está convocado de 10 a 12 horas e durante este tempo o persoal desenvolverá unha concentración diante das instalacións da empresa no Polígono de Sabón (Avda. da Ponte, 16).
A representación social considera que non existen causas que xustifiquen estes despedimentos e atribúe esta decisión á intención da compañía de subcontratar a actividade a empresas externas para abaratar custes. De feito, Facet Ibérica pretende xustificar cinco dos despedimentos alegando causas organizativas e produtivas, cando ao día seguinte de comunicarlle as rescisións xa tiña contratada a unha empresa externa para facer as tarefas dos operarios despedidos.
Nos outros dous casos, a empresa recorreu a causas disciplinarias en base a supostas faltas laborais graves. Mais non cómpre perder de vista que estes dous despedimentos afectan a persoal que leva máis de 30 anos traballando nesta firma e que nunca antes fora obxecto de sanción ou advertencia por parte da dirección.
Por iso, a representación da CIG acusa a empresa de facer un ERE encuberto co único obxectivo de avanzar na externalización das actividades.