Convocada folga nas liñas A Coruña-Betanzos-Ferrol e no transporte escolar de Ferrolterra
O próximo martes 21 de xuño, a CIG ten convocada folga no transporte de viaxeiros/as por estrada nas UTE do grupo Monbús que fan o servizo regular entre A Coruña-Betanzos-Ferrol e o transporte escolar de Ferrol (que inclúe os servizos de toda a comarca). A convocatoria, acordada na asemblea de traballadores e traballadoras chega en resposta aos abusos laborais, aos despedimentos e ao deterioro do propio servizo.
As protestas de usuarios e usuarias en relación ao servizo véñense producindo dende a adxudicación dos últimos contratos, tanto no servizo de liña regular como no escolar, polo caos no que se ten convertido. Os incumprimentos tamén se producen entre o persoal que realiza o transporte e o servizo de acompañamento, posto que Monbus non entrega os cadrantes de servizos mensuais como está previsto legalmente, non respecta os descansos entre xornada, non está pagando os pluses, non comunica as vacacións etc. Ademais, no caso do persoal acompañante (a maioría mulleres), estase realizando unha xornada de traballo superior á que Monbus retribúe.
Para máis gravidade, denuncia o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, dende que Monbus se fixo de cargo destes servizos houbo máis dunha ducia de despedimentos, deixando os cadros de persoal en mínimos. Isto trae como consecuencia unha sobrecarga de traballo e que moitos servizos queden sen facerse.
Do estrés que esta descoordinación produce entre o persoal derívase un elevadísimo número de baixas "que chegaron nalgún momento a supor o 15% do cadro de persoal".
Incumprimentos de horarios e servizos que non se fan
"Son habituais as queixas das persoas usuarias polos incumprimentos constantes dos horarios de saídas e chegadas e hai servizos que nin sequera se realizan", advirte. Isto acontece pola falta de organización, a falta de persoal suficiente e que Monbus ten unha flota de autobuses que non chega para facer todas as rutas que ten encomendadas.
A isto súmase a negativa do grupo presidido por Raúl López a negociar e que non accede sequera a manter unha reunión coa representación social. "Deste caos no trasporte por estrada e os incumprimentos en materia laboral son cómplices tanto consellaría de Infraestruturas e Mobilidade como a de Educación, que sendo coñecedoras das denuncias da CIG e dos usuarios/as non fan absolutamente nada, dando a calda por única resposta e permitindo así que a situación se prolongue no tempo", critica Pastoriza.
Un caos que se dá en todos os contratos
Pero esta situación non é exclusiva da zona da Coruña-Ferrolterra, senón que se repite en todos os servizos que presta Monbús, que neste momento ten o 75% das concesións das liña regulares e o 50% do transporte escolar de toda Galiza. Neste contexto e ante a falta de actuación por parte da administración galega, a CIG está realizando asembleas noutras comarcas galegas, que previsibelmente desembocarán na convocatoria de máis folgas e mobilizacións.