Convocada folga nos PACs das sete áreas sanitarias galegas en demanda de solucións á súa situación
O persoal estatutario das categorías de Medicina de Familia e de Enfermaría que presta os seus servizos nos Puntos de Atención Continuada do SERGAS, nas sete áreas sanitarias galegas, irá á folga desde as 15:00 horas dos días 16, 19, 23, 26 e 30 de outubro e 2, 6 e 9 de novembro, rematando ás 8:00 horas do día seguinte; e desde as 8:00 horas dos días 21 e 28 de outubro e 4 e 11 de novembro, rematando ás 08 horas do día seguinte. Denuncian a súa precaria situación e demandan unha resposta inmediata ás reivindicacións que levan sobre a mesa máis de seis meses, para poder pór as bases que permitan garantir unha asistencia sanitaria de calidade.
As organizacións sindicais convocantes, CIG, CCOO, UGT, SATSE, CSIF. OMEGA e CESM manifestan a súa preocupación pola situación que se está a vivir nos Puntos de Atención Continuada (PACs) e que está sendo obxecto de negociación nunha Comisión Técnica da Mesa Sectorial.
Lembran que a convocatoria desa Comisión Técnica estivo precedida dunha recollida de sinaturas dun numero importante das e dos profesionais afectados, que reclamaban:
- Equipos completos médico/enfermeiro en tódolos PACs. A atención a emerxencias sen persoal adecuado non é aceptable nun país desenvolvido; e a responsabilidade desta asistencia de baixa calidade é da mala planificación por parte das EOXI.
- Respecto aos tempos de traballo do persoal conforme a directivas europeas, que están para garantir unha atención eficiente por persoal descansado en beneficio dos pacientes. Isto debe ser independente de ter un contrato fixo ou traballo fraccionado, o fraccionamento de contratos non pode empregarse para non cumprir cos descansos.
- Calquera avaliación de “derivación hospitalaria” debe ser eliminada das listas de obxectivos, xa que as derivacións non son opcionais, seguen criterios médicos. Os ADX deben adecuarse ao traballo no PAC.
- A existencia de criterios obxectivos para a dotación de persoal nos PACS en base á carga asistencial, dispersión, distribución etaria, distancia ao hospital e número de mobilizacións polo 061 para garantir o dereito a asistencia.
- O pago do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade dende este momento e con carácter retroactivo dende o 2010.
- Que non se aumente a xornada laboral efectiva das 1451 horas actuais, calquera exceso de xornada debe ser voluntario, incentivado e por tramos; empeorar as condicións laborais aumentarán as fugas de persoal a outras áreas e servizos e empeorarán a asistencia.
- Computo axeitado de Incapacidades Temporais e permisos retribuídos.
- As asistencias a calquera reunión convocada dende as xerencias deben ser contabilizadas coma xornada laboral.
- As dietas dos domingos e festivos deben ser aboadas pola comida e pola cea.
- Elaboración dos calendarios de quendas dando prioridade ao persoal propio de PAC, ocupando o persoal voluntario os ocos.
- A dotación de Equipos de Protección Individual a todo o persoal que traballa nos PACs, inda que sexan persoal en formación ou ocasional. Debe existir un circuíto de limpeza que evite ter que levar a roupa a lavar ao domicilio persoal.
As organizacións sindicais aseguran que despois de máis de 6 meses de reunións, na última, celebrada o 21 de setembro de 2018, “o SERGAS perdeu unha oportunidade importante para clarificar aspectos que levan varios meses a ser debatidos sen chegar a ningún acordo”. Entre outras cuestións sinalan o xeito de computar a xornada ordinaria (obrigatoria) e a complementaria (voluntaria) e como afectan a ese cómputo os permisos e as situacións de IT do persoal.
Por iso reclaman que se mude o criterio de que “toda xornada traballada ten unha parte de ordinaria e outra de complementaria” e que se incorpore o que recolle a literalidade do acordado, separando a xornada ordinaria da complementaria e recoñecendo que a xornada complementaria é a realizada “por riba da acordada como ordinaria”.
Entende que a ordenación da xornada é fundamental para poder garantir a calidade asistencial nun dispositivo básico que ten que ofrecer atención continuada ás urxencias e emerxencias que se producen en calquera punto do noso territorio.
Irresponsabilidade do SERGAS
Considera que é unha “irresponsabilidade”, por parte da dirección do SERGAS, prolongar a solución deste conflito e que isto “non fai máis que poñer de manifesto a súa incapacidade para facer fronte aos desafíos asistenciais que temos por diante, uns relacionados coa nosa demografía e outros ocasionados pola xestión incompetente dos recursos humanos”.
Por iso exixen unha resposta inmediata ás reivindicacións que levan sobre a mesa máis de seis meses para poder poñer as bases que permitan garantir unha asistencia sanitaria de calidade.