Convocada folga no sector de comercio alimentación da provincia da Coruña, o 29 de maio, por un convenio digno

Os sindicatos CIG, CCOO, UGT e USO reclaman melloras nas condicións laborais e salariais do persoal do sector
Nacional - 27 Mai 2026

As organizacións sindicais con representación na mesa de negociación do convenio colectivo de comercio alimentación da provincia da Coruña anuncian a convocatoria de folga no sector para o vindeiro venres, dia 29 de maio. Reclaman melloras salariais e de condicións de traballo para o persoal do sector.

Entre as súas demandas salientan unha suba salarial dun 10% para 2026, 4,5% para 2027 e 4% para 2028, en todos os casos con cláusula de revisión salarial atendendo ao IPC real. Denuncian que este sector arrastra unha perda continuada de poder adquisitivo e que os salarios apenas superan o SMI. Unha precariedade que contrasta cos enormes beneficios que o comercio alimentación obtivo nestes últimos anos.

Xunto a isto reclaman melloras nas condicións laborais con redución de xornada, melloras no cobro das baixas por IT, que neste sector son moi numerosas por mor da elevadísima carga de traballo, plus de antigüidade ou de domingos, para o persoal que se ve obrigado a traballar nos centros que abren ese día todo o ano, entre outras.

A CIG fai un especial chamamento á negociación ás empresas con maior peso na mesa do convenio, nomeadamente a GADIS e Froiz para que o conflito se resolva canto antes e coa menor repercusión posible para a clientela.

Están previstas mobilizacións, para esa xornada, na Coruña, ás 12:00 horas, na Praza do Mercado de San Agustín; en Compostela, ás 12:00 horas, na Praza Roxa e en Ferrol, ás 11:45 no GADIS de Ultramar.