Convocada folga no mantemento do CHUO para reclamar máis persoal e melloras laborais

Os paros de 24 horas na concesionaria Serveo Servicios terán lugar os vindeiros días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de febreiro
Ourense - 15 Xan 2026

O cadro de persoal de Serveo Servicios que desenvolve tarefas de mantemento no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) decidiu convocar seis xornadas de folga os días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de febreiro para reclamar novas contratacións e unha serie de melloras laborais e salariais que deberan ter carácter reatroactivo dende o 1 de xaneiro. A empresa concesionaria xa contactou coa representación sindical para anunciarlle a apertura de negociacións antes de que se fagan efectivos os paros de 24 horas.

Dende a CIG-Industria lembran que as reivindicacións que agora se poñen enriba da mesa quedaran pendentes tras o conflito laboral que motivou unha folga de 110 días en 2018. Entre elas, a necesidade de levar a cabo un aumento de persoal, xa que a falta de efectivos obriga a un reducido número de persoas traballadoras a ter que cubrir baixas, noites, vacacións e fins de semana. En consecuencia, denuncian que o servizo que se presta non é o axeitado para un complexo hospitalario destas dimensións. 

A CIG-Industria denuncia que o servizo que se presta non é o axeitado para un complexo hospitalario destas dimensións

A ampliación de persoal permitiría ademais manter a secuencia dos cuadrantes, garantindo unha semana libre nos meses de xullo e agosto.

A esta demanda súmanse tamén outras reclamacións como o pago de hora nocturna (cos atrasos correspondentes) entre as 22:00 e as 23:00 horas, así como o abono do plus tóxico, penoso e perigoso do 35% para a totalidade do persoal e a incorporación dos traballadores da quenda fixa ás quendas rotatorias.

A maiores, solicítase a actualización do pago de conceptos fóra do convenio (gardas e fin de semana) e a revisión de categorías das persoas traballadoras que o soliciten.