Convocada folga no hostal dos Reis Católicos os días 24 e 25 de xullo

Denuncian a manipulación da empresa nos medios de comunicación
Compostela - 23 Xul 2018

O comité de empresa do Hostal dos Reis Católicos, composto por 5 membros de CSIF, 2 de CIG, 1 de CUT e 1 de CCOO, veñen de convocar folga para os días 24 e 25 de xullo logo de que a empresa se negara a aceptar as reinvindicacións básicas que solicita o persoal.

No Hostal dos Reis Católicos de Compostela, pertencente á Rede de Paradores do Estado, había un convenio propio, que caducou no ano 2010. Desde o ano 2011 está constituída a comisión negociadora, que xa leva 26 xuntanzas realizadas até hoxe en aras de conseguir recuperar o seu convenio.

Durante estes anos, a empresa fixo en ERE no ano 2013 despedindo a 13 compañeiros/as e despois un ERTE reducindo as horas das compañeiras de pisos, Medidas que teñen claro que “foron de todo innecesarias xa que sempre tivemos millóns de beneficios”. Nese sentido explican que, “curiosamente o ano que se fai o ERTE externalizan toda unha planta a unha empresa privando do aumento de horas ás nosas compañeiras de pisos”. 

Mobilizacións e folga

Ante a negativa da empresa de aceptar as demandas do persoal “non quedou máis remedio que empezar con mobilizacións finalizando na convocatoria de folga para os días 21, 24 e 25 de xullo”.

Tras da empresa recibir a convocatoria de folga solicitou unha mediación no AGA, que foi aceptada polo Comité de Empresa e que se realizou sen acordo o pasado 18 de xullo.

Nesta mediación maratoniana que durou 9 horas e media, a empresa non fixo ningún movemento malia o comité rebaixar as súas pretensións para desbloquear o conflito.

 

Propostas do comité

1º.- Vixencia do Convenio: dende o 1 de xaneiro de 2011 até o 31 de decembro de 2018, con efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2018.

2º.- Aceptación da suba salarial recollida na Lei de Presupostos Xerais do Estado, do 1,5% até xuño e do 1,75% até decembro sobre as táboas do ano 2008 (non cobre nin sequera os IPC’s dos anos anteriores).

3º.- Suba do 1% da paga de produción, ligada aos beneficios do Hostal, que é un dos máis rendibles de toda a cadea, xa que ano 2017 tivo un beneficio de 3 millóns de euros, cando a masa salarial deste centro representa o 23% (nos peores anos da crise tivo beneficios anuais de 2 millóns de euros). Esta prima estaría supedita a aprobación pola Dirección Xeral de Costes.

4º.- Incremento das horas do persoal de camareiras de pisos (todas mulleres) pasando de 4 horas a 6 horas ao ano. Sobre esta cuestión salientan que “unha vez máis podemos ver o machismo que impera nesta empresa, sendo as mulleres as máis prexudicadas neste centro de traballo. Para maior agravamento, este Hostal ten unha planta enteira externalizada, vendo as nosas compañeiras como lle aumentan as horas ao persoal externo podendo elas estar a tempo completo”.

5º.- Recuperar o complemento de baixa por I.T. ao 100% tal e como tiñan no convenio e que vén aprobada na Lei Xeral de Presupostos, supeditada á negociación colectiva.

6º.- Como acto de boa fe por parte do Comité suspendeuse a folga convocada para o día 21 de xullo, para que a empresa tivera tempo para realizar as xestións oportunas para a sinatura deste preacordo así como para a representación sindical poder levalo á asemblea. “Para a nosa sorpresa a empresa nos di que xa teñen os actos cancelados con anterioridade non valorando o feito de desconvocar un día de folga, sendo unha falta de irresponsabilidade por parte deles e que nos demostra que a empresa non tiña intención en ningún momento de buscar solucións ao conflito, nuns días tan sinalados e con celebración de actos con diversas autoridades públicas estando o Hostal completamente cheo”.

Tal é así que nesa mediación primeiro poñía trabas ao aumento do 1% da prima de produción xa que tiña que dar o visto bo a Dirección Xeral de Costes, aceptando o comité que estivese supeditado o informe da citada Dirección.

Segundo explican, vendo a empresa que non tiña escapatoria, puxeron como escusa que o convenio tiña que durar até o 31 de decembro de 2019 xa que a lei pide convenios mínimos de dous anos. “Para o noso asombro lles dicimos que a mesa negociadora leva aberta dende o 2011 con 26 actas asinadas por tódolos membros, e que a temos que pechar, xa que no propio REGCON poderían poñer problemas para o seu rexistro”.

Manipulación por parte da empresa diante dos medios de comunicación

O Comité denuncia ademais a manipulación que está exercendo a dirección da empresa diante dos medios de comunicación dicindo que “somos un colectivo favorecido e que as ofertas que nos fan son substanciosas”.

Fronte a isto sinalan que as ofertas que fai a empresa xa veñen recollidas no Estatuto dos Traballadores, na Lei Xeral de Presupostos do Estado e no acordo asinado en Madrid para a mellora do emprego público.

Por iso denunciar que o persoal “non goza das melloras dos empregados públicos xa que seguimos tendo unha xornada semanal de 40 horas, non temos días de asuntos propios (a empresa da agora 2 cando xa os tiñamos no anterior convenio), pero non din que anularon eventos contratados cando tiñan tempo para solucionar un conflito que eles mesmos buscaron e que nos fai pensar si o cambio de goberno ten algo que ver por canto non é normal o que está a suceder e parece que a actual Dirección de Paradores, aínda formada por directivos do anterior goberno do PP parece querer deixar un conflito aberto ao novo goberno buscando a súa desestabilización”.