Convocada folga no Grupo Ingemar pola readmisión de cinco traballadores/as
A CIG e UGT convocan folga parcial de catro horas (de 12h a 16h) o vindeiro venres, 13 de maio, en Grupo Ingemar (situada en Guitiriz) para esixir a readmisión de cinco traballadores/as despedidos pola empresa xusto despois dunha reunión co comité e sen mediar ningún tipo de comunicación das súas intencións.
Así, explican que o pasado día 3, o comité mantivo unha reunión coa dirección do Grupo Ingemar (antiga Ingemarga) para abordar temas de carácter ordinario como as vacacións, a necesidade de maior polivalencia do persoal das diferentes seccións solicitada pola empresa e a posibilidade de que catro operarios de fábrica, de xeito voluntario, acudiran a reforzar o traballo nas canteiras de maneira temporal diante da carga de traballo existente e a dificultade de atopar persoal.
"Aos poucos minutos de rematar a reunión, atopámonos coa sorpresa de que a empresa comeza a comunicar o despedimento por causas “técnicas” a catro compañeiros da sección de serras e a una compañeira da oficina", denuncian. Isto sucedeu, engaden, "sen que en ningún momento a dirección comentara tal posibilidade na reunión".
Cadro de persoal moi axustado
Para a FCM-CIG de Lugo esta actuación non só é unha deslealdade, senón que afonda nos problemas laborais derivados do axustadísimo cadro de persoal que ten o grupo. De feito, a representación social leva anos pedindo contratacións, especialmente nas canteiras, para paliar a falta de persoal.
A isto hai que sumar os problemas de subministro de materiais e a mala organización dos traballos por parte da dirección, "que lastran a produción e nos levan a situacións surrealistas coma a parada das serras por falta da granalla que se emprega no proceso de serrado, atrasando pedidos e toda a actividade".
Por iso, salientan CIG e UGT, "o que necesita Grupo Ingemar son traballadores/as cualificados/as para as canteiras e unha dirección de fábrica que organice e coordine os traballos das diferentes seccións para que funcione a cadea de produción".
Recortes de dereitos
Entenden que estes despedimentos son unha chantaxe ao comité e á totalidade do cadro de persoal diante da negativa destes a asumir todas as demandas da empresa, "que pasan por unha flexibilidade practicamente absoluta na distribución das vacacións, a pesar de que se asinou o calendario laboral hai un par de meses, ou a renuncia de dereitos laborais cando a empresa o estime oportuno. "Levamos pasadas moitas nesta empresa nos últimos anos para seguir aturando estas situacións. Amosamos unha total disposición a negociar, a que faga falta, mais xa advertimos que imposicións non imos consentir máis", aseveran.
Por iso, CIG e UGT chaman a todos os traballadores e traballadoras da fábrica e das canteiras a paralizar a actividade o próximo venres entre as 12:00 e as 16:00h para reivindicar a readmisión da compañeira e dos catro compañeiros despedidos, "mais tamén o reforzo do persoal e a acometida de inversións, especialmente en prevención de riscos e saúde laboral".