Convocada folga no centro de chamadas do 061 ante as ameazas do Grupo Norte de non abonar as nóminas
O comité do Grupo Norte, empresa que xestiona o centro de chamadas do 061, vén de convocar folga parcial para o próximo día 6 de xaneiro en resposta á comunicación da empresa asegurando que non garante o pago das nóminas (nin a de decembro nin as seguintes), para evitar que se produzan os impagos ou novos atrasos no cobro dos salarios, como xa ocorreu coas nóminas de novembro.
Co paro, que se desenvolverá entre ás 19:00 e ás 21 horas do luns 6 de xaneiro e afectará a máis de cen traballadores/as, tamén se demanda a apertura dunha mesa de negociación estábel e eficaz que permita dar solucións ás cuestións laborais pendentes dende hai meses.
Hai que subliñar que os problemas no cobro das nóminas comezaron ao pouco de anunciar a empresa a súa intención de non continuar co servizo, que ten que prestar en situación de prórroga forzosa mentres non se resolva o novo concurso. Nesta circunstancia, Grupo Norte, seguindo a liña habitual de ameazas e coaccións, advertiu que se a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 non lle abonaba a débeda existente, non estaría en disposición de afrontar o pagamento das nóminas a case un cento de empregados/as.
Modificación das condicións para suprimir un plus
Pero a maiores, a empresa comunicou a súa intención de aplicar unha modificación substancial das condicións laborais para eliminar o chamado "plus destino" que recibe o persoal en compensación polo cambio das instalacións de Santiago á Estrada, e que se logrou tras dúas convocatorias de folga.
A estratexia do Grupo Norte é clara: utilizar as traballadoras e traballadores para coaccionar á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 coa finalidade de conseguir que este organismo lle abone a débeda pendente. A CIG-Banca considera que é obrigación da Xunta de Galiza e da empresa arranxar esta situación de inestabilidade e incerteza para o persoal operador do 061, e solicita que as traballadoras e traballadores deixen de ser reféns da mala xestión da Administración e da subcontrata.