Convocan folga na recollida do lixo de Pontevedra ante o desacordo na negociación do convenio colectivo

A empresa pretende que o persoal renuncie a reclamar a antigüidade dos contratos eventuais
Pontevedra - 03 Dec 2016

O cadro de persoal de Cespa, concesionaria da recollida do lixo e da limpeza viaria de Pontevedra, decidiu hoxe en asemblea convocar folga indefinida no Nadal tras a ruptura das negociacións do convenio colectivo. O desacordo produciuse pola pretensión da empresa de que os traballadores/as renunciasen a reclamar a antigüidade derivada dos contratos eventuais.

Os empregados/a de Cespa acordaron convocar a folga na asemblea celebrada esta mañá xusto antes de que dese inicio unha nova mobilización en demanda dun convenio colectivo digno.

 

A decisión adoptouse despois de que as conversas quedasen suspendidas dende o luns, cando a dirección da empresa que se encarga do servizo municipal de recollida do lixo e limpeza viaria intentase introducir no convenio a renuncia dos traballadores/as a reclamar as cantidades que lles corresponden pola antigüidade derivada dos contratos eventuais.

 

Dende a CIG-Servizos de Pontevedra explican que a ruptura das negociacións produciuse a pesar de que existía un principio de acordo entre as partes, polo que o persoal de Cespa apostou por continuar co calendario de mobilizacións previsto. Esta mesma mañá, unha vez rematada a asemblea na que decidiron a convocatoria de folga, percorreron as rúas de Pontevedra en manifestación dende a rúa Pasantería até a sede da empresa en Andrés Muruais, onde levaron a cabo un corte de tráfico.

 

Ao mesmo tempo, dende a central nacionalista indican que “nunca imos recoller nun convenio que os empregados/as renuncian ao seu dereito de reclamar a antigüidade”, posición que conta co apoio do resto de sindicatos que integran o comité (CCOO, UGT e USO).